A Xunta de Galicia impulsa o ‘Caudal Fest’ para reforzar a oferta cultural e turística de Lugo

O Goberno galego é un dos principais patrocinadores do festival, que se celebra esta fin de semana e suma 23 concertos

Lugo, 18 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia mantén a súa aposta polo Caudal Fest, sendo un dos seus principais patrocinadores, para reforzar a oferta cultural de Lugo e “posicionarnos dentro do turismo de festivais, que está demostrando ser un elemento clave na estratexia turística de moitas cidades”. Así o indicou hoxe o delegado territorial, Javier Arias, durante a presentación do evento, que se celebrará este venres e o sábado xunto ao Pazo de Feiras e Congresos.

Arias lembrou que a implicación do Goberno galego “contribuíu decisivamente a darlle ao festival a dimensión alcanzada en só seis edicións, cun cartel no que figuran grupos e cantantes de primeiro nivel”.

O programa inclúe 23 actuacións, entre elas as de Amaral, Viva Suecia, Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras ou Nil Moliner. As portas do recinto abriranse ás 16.00 horas, os primeiros concertos comezarán só 20 minutos despois e sucederanse nos dous escenarios ata a madrugada.

O delegado indicou que a Xunta instalará no recinto o punto lila e arcoiris, que promove   a igualdade entre os asistentes ademais de ofrecer atención especializada e continuada para previr e actuar ante posibles agresións sexuais e LGTBIfóbicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024