A Xunta trae a Ferrol esta fin de semana o espectáculo de danza, música e teatro ‘Camiño Máxico no Pico Sacro’

A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello na presentación deste evento gratuíto que terá lugar o sábado 21, a partir das nove, na praza de Armas

Ferrol, 19 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ferrol, xunto ao concelleiro de Festas, Arán López, na presentación dun novo espectáculo que chegará a cidade este sábado da man de Turismo de Galicia. Trátase de Camiño Máxico no Pico Sacro, un espectáculo a cabalo entre o xénero teatral e o musical que narra a lenda do apóstolo Santiago. Terá lugar na praza de Armas a partir das 21,00 horas, con carácter gratuíto.

Aneiros gabou a posta en escena da peza a cargo da compañía Queiman e Pousa que “recrea o xermolo das rutas xacobeas”. Ao fío disto, destacou a idoneidade de traela á cidade que é quilómetro cero dunha delas, concretamente do Camiño Inglés que nos últimos anos se está a converter nun dos “buques insignia” do turismo en Ferrol.

A este respecto, a delegada territorial referiuse ás boas cifras que está a acadar esta ruta xacobea que, no que vai de ano rexistrou preto de 23.000 peregrinos, camiño de alcanzar os 24.000 que optaron por este itinerario o ano pasado, o que amosa ata o momento un crecemento do 17%.

Por último Aneiros, agradeceu o traballo da compañía e do Concello de Ferrol e animou a veciños e visitantes a gozar deste espectáculo para toda a familia “que é unha perfecta representación do que somos: unha Galicia máxica, diversa, innovadora, e profundamente conectada coas súas raíces”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024