Martina Aneiros destaca o compromiso da Xunta en materia de seguridade industrial a través do plan de inspección 2024

A delegada territorial de Ferrol participou hoxe no salón de actos do Vicerrectorado do campus industrial de Ferrol na apertura da III Xornada sobre seguridade industrial, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia en colaboración coa Consellería de Economía e Industria

Ferrol, 19 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou hoxe no campus industrial o traballo do Goberno galego en materia de seguridade industrial, poñendo o aceno  no Plan de Inspección de Seguridade Industrial que a Xunta ten este ano en vigor. O fixo durante a inauguración da III Xornada sobre seguridade industrial que, a Consellería de Economía e Industria organiza en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

Segundo precisou, o Plan de Inspección de Seguridade Industrial 2024 establece máis de 1.400 controis co obxectivo de comprobar a adecuación dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dos regulamentos de seguridade industrial e normativas que lles sexan aplicables. 

Tamén avanzou que este ano a Xunta está a traballar nun plan extraordinario de inspección, enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, garderías, salas de festa e discotecas co que se pretende reforzar as actuacións anuais nesta materia e que prevé realizar 350 inspeccións. Desenvolverase a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados.

Actuacións que se complementan con actividades de concienciación e sensibilización da sociedade sobre a importancia da seguridade industrial como as xornadas celebradas hoxe no salón de actos do Vicerrectorado do campus na que participaron o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Vicente Díaz; o delegado en Ferrol do ICOIIG, Javier Bouza; o responsable de mantemento de Navantia, David Roca; o profesional independente, José Fernández, e a xefa do servizo de industria da Dirección Territorial da Coruña, Lourdes Fernández.

“No Goberno galego estamos convencidos de que a seguridade e a produtividade non son aspectos opostos, senón complementarios: unha industria segura é unha industria máis eficiente, máis competitiva e, sobre todo, máis humana”, sinalou.

A de Ferrol é a terceira das xornadas celebradas no marco da colaboración entre a consellería e o ICOIIG, trala celebración de sendas citas en Vigo e Santiago, coa participación das tres universidades galegas. No mes de outubro terán lugar os encontros sectoriais. As actuacións conxuntas da Consellería de Economía e Industria e o ICOIIG inclúen ademais a celebración dun congreso sobre seguridade industrial que terá lugar os días 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024