O conselleiro de Sanidade interveu na presentación dun estudo ‘Investigación social sobre o impacto das secuelas nas fases subaguda e crónica tras un ictus’

Gómez Caamaño destaca o programa galego código ictus como garantía de acceso á mellor asistencia especializada, que o pasado ano atendeu máis de 2.400 pacientes dos hospitais comarcais

Sinala que, dada a dispersión poboación da comunidade, Galicia ten o deber de abordar esta enfermidade coa máxima atención, realizando un esforzo crecente tanto en prevención, como en camiños asistenciais máis innovadores e eficaces

O enfoque da investigación presentada hoxe coincide co obxectivo no que está a traballar a Consellería de Sanidade, de deixar de tratar enfermidades e pasar a tratar a persoas, buscando unha mellora integral das súas condicións de vida

O Plan galego de atención ao ictus pretende homoxeneizar a mellor atención nos casos dun accidente cerebrovascular, co obxecto de dispoñer dun sistema que garanta a mellor asistencia, no menor tempo posible e en condicións de equidade

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o programa galego Código Ictus como garantía de acceso da cidadanía á mellor asistencia especializada, xa que posibilita que calquera persoa con sospeita de estar sufrindo un ictus poida ser atendido de xeito telemático desde un hospital comarcal por un especialista en neuroloxía das unidades de referencia. O número de códigos ictus activados en 2023 foi de 2.409.

O titular da carteira sanitaria galega interveu hoxe no acto de presentación da Investigación social sobre o impacto das secuelas nas fases subaguda e crónica tras un ictus, que conta co aval científico da Sociedade Española de Neuroloxía e a Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física, un acto no que estivo acompañado polo presidente da Federación galega de dano cerebral (Fegadace), Luciano Fernández, e polo director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva.

Segundo Gómez Caamaño, a investigación trata con rigor científico o ictus nas súas fases, tendo en conta a experiencia dos expertos na súa asistencia e, ademais, abórdao tamén como un problema social, escoitando con atención aos doentes. Deste xeito, coñécese esta patoloxía na súa dimensión clínica e a súa enorme repercusión na vida das persoas que a padecen.

Trátase, remarcou o conselleiro, dun “magnífico estudo”, posto que o seu obxectivo é impulsar actuacións prácticas que permitan mellorar a atención sociosanitaria dos pacientes con ictus.

Esforzo en prevención e asistencia innovadora

Na súa intervención, o conselleiro incidiu en que Galicia, tendo en conta a evolución demográfica e a estreita relación entre o ictus e a idade das persoas, ten o deber de abordar esta enfermidade coa máxima atención, realizando un esforzo crecente, tanto en prevención, como na busca de camiños asistenciais máis innovadores e eficaces.

Gómez Caamaño sinalou que o enfoque da investigación presentada hoxe coincide co obxectivo no que traballa a Consellería de Sanidade de deixar de tratar enfermidades e pasar a tratar a persoas, buscando unha mellora integral das súas condicións de vida.

Ao respecto, o Plan galego de atención ao ictus pretende homoxeneizar a mellor atención nos casos dun accidente cerebrovascular co obxecto de dispoñer dun sistema que garanta a mellor asistencia ás persoas que sofren un ictus, no menor tempo posible e en condicións de equidade.

Neste plan galego destaca o Código Ictus, ao ser un proxecto especialmente importante nun territorio coa poboación tan dispersa como en Galicia.

O conselleiro rematou a súa intervención agradecendo a todos os profesionais sanitarios galegos o seu interese en seguir mellorando a atención a estes pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024