A Xunta abre o prazo para acceder aos máis de 1,4 M€ de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para programas sociais de xuventude e voluntariado

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria para a presentación de solicitudes, que se poden facer ata o 17 de outubro a través de sede electrónica

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementa neste 2024 o orzamento e inclúe dúas novas liñas para acondicionar locais e adquirir equipamento e material

As entidades poden optar a un importe máximo entre 10.000€ e 30.000€, segundo a liña e o ámbito territorial da entidade

O departamento de Cultura do Goberno galego pon en valor o papel destas partidas de vertebración social que a cidadanía realiza a través da súa declaración da renda

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo para que as entidades xuvenís e tamén as de voluntariado poidan acceder a axudas para programas sociais con cargo ao 0,7 % do Imposto sobre Renda das Persoas Físicas e do imposto de Sociedades no ano 2024. A convocatoria deste ano da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, reforza con máis de 1,4 M€ estas axudas e, como novidade, incorpora dúas novas liñas —que suman 200.000 euros— para subvencións dirixidas a acondicionar  locais e adquirir equipamento e material.

Deste xeito, o departamento de Cultura do Goberno galego potencia así un programa de axudas que  se considera esencial e que ten permitido, nos últimos anos en Galicia, a execución de importantes programas. Trátase, por tanto, dunhas achegas que constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social e que teñen o valor de que se levan a cabo a través da asignación tributaria da cidadanía coa súa declaración anual da renda.

Na convocatoria deste ano establécense catro liñas de axudas: unha para actuacións dirixidas á xuventude, outra para accións destinadas ao voluntariado e outras dúas para mellorar, respectivamente, os locais das entidades xuvenís e de voluntariado. Deste xeito, preténdese que conten con partidas para acondicionar as súas instalacións e posibilitaráselles a adquisición de material inventariable e equipamento. Precisamente estas dúas últimas liñas —que supoñen en global 200.000€ máis— son a novidade da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este 2024.

Fomentar hábitos saudables e mellorar a empregabilidade da mocidade

En canto ás liñas para actuacións dirixidas á xuventude, priorízanse nestas subvencións aqueles programas que difundan hábitos de vida saudable entre a mocidade. De igual xeito, tamén son obxecto destas axudas aqueles proxectos que procuren a mellora da empregabilidade da xente nova ao igual que aquelas iniciativas de educación non formal que faciliten a súa integración social.

No ámbito de accións destinadas ao voluntariado, valóranse as iniciativas que fomentan a participación activa en entidades destas características. Tamén son obxecto desta subvención aqueles programas dirixidos á formación das persoas voluntarias e tamén aqueles que teñen como finalidade sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.

Requisitos das entidades para presentarse as axudas

Poderán ser beneficiarias desta orde de convocatoria as entidades do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan unha serie de requisitos, como o de estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

De igual xeito, deben carecer de ánimo de lucro e os seus fins institucionais teñen que corresponder á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas aos que van dirixidas estas axudas.

Ademais, as entidades, asociacións, agrupacións, federacións ou confederacións deben contar con experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos no ámbito territorial de Galicia na xestión e execución de cando menos un dos programas aos que concorre. Ademais, deberán acreditar que  posúen os medios persoais e materiais necesarios para o desenvolvemento destas actuacións.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente pola sede electrónica da Xunta de Galicia e o prazo será ata o 17 de outubro.

Proxectos e subvención máxima

Tamén cómpre precisar que o orzamento mínimo dun programa para poder presentarse a estas axudas debe ser de 5.000 €. Ademais, segundo o ámbito territorial da entidade e a liña de subvención á que se queira acceder das catro existentes, está fixado un número máximo de programas que a entidade sen ánimo de lucro pode presentar.

Nalgúns supostos só pode ser un único proxecto, mentres que noutros casos posibilítase ata un máximo de catro. O mesmo ocorre coa cantidade de axuda a recibir por proxecto, que nalgúns casos non poderá superar a contía de 10.000€, mentres que noutras iniciativas o límite subvencionable son 30.000€.

Os programas deben desenvolverse integramente no territorio da Comunidade durante o ano 2025, sendo a data límite de presentación da documentación xustificativa o 15 de marzo de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024