A Xunta fomenta a remuda xeracional na artesanía a través de seis cursos de formación especializada

A Fundación Artesanía de Galicia abre as inscricións para os cursos de forxa, ourivería, olería de Buño, sombreirería e xastrería, este último en dúas quendas, que se van desenvolver en diferentes localidades galegas a partir do mes de outubro

Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado hai un ano e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

A Fundación Artesanía de Galicia acaba de abrir as inscricións para novos cursos de formación especializada enmarcados no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un proxecto iniciado no ano 2023 destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector. Así, entre os meses de outubro e xuño, desenvolveranse seis cursos centrados nos oficios da forxa, da sombreirería, da xastrería, da ourivería e da olería tradicional de Buño.

A Xunta de Galicia continúa deste xeito coa súa aposta pola preservación do patrimonio inmaterial, polo desenvolvemento económico e pola transmisión de técnicas e oficios artesanais. As inscricións para estes cursos de formación están abertas na web da Fundación Artesanía de Galicia.

En concreto, o programa formativo comezará o 2 de outubro co Curso completo de sombreirería artesanal, impartido en Santiago de Compostela (Academia Ana Prados - rúa da Rosa, 36) por Félix de Martín. Este curso dividirase en dúas partes diferenciadas – sobre a elaboración de sombreiros de rúa e sobre modistería de tocados e adornos- que se desenvolverán todos os mércores ata finais de xuño, en horario de 16,00 a 18,00 h.

Mentres, o xoves día 3 comeza o curso de Perfeccionamento de xastrería, impartido polo xastre Fernando Freire e por Ramón Lareo, tamén na Academia de Ana Prados. O curso vaise celebrar os xoves, en dúas quendas diferentes -o grupo de mañá será de 9,30 a 13,30 h. e o de tarde, de 16,30 a 20,30 h.- e consistirá na elaboración dun pantalón e dun chaleque.

Pola súa banda, o ourive compostelán Ricardo Rivas -Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020- será de novo o encargado de amosar as técnicas de ourivería a través dun curso de perfeccionamento que comezará o venres 18 de outubro no seu obradoiro (rúa do Río, 18 - Meixonfrío) e rematará o 31 de decembro.

A maiores, a partir do 14 de outubro terá lugar o curso de Perfeccionamento de técnicas tradicionais da olería de Buño, impartido igual que o ano pasado por Antonio Pereira “O Rulo”, que lle permitirá aos participantes afondar nas formas e nas técnicas específicas desta olería tradicional. Será os luns, en horario de 16,00 a 20,00 horas, na Casa do Oleiro de Buño (rúa Camposa), ata o 31 de marzo.

Xa en novembro, comezará o curso de Iniciación á forxa impartido por Telmo Cao no seu obradoiro de Cervo (As Fábricas, 9 - Sargadelos), no que se aprenderá o oficio dende o comezo e afondará nas técnicas tradicionais. O curso celebrarase do 4 ao 7 e do 11 ao 14 de novembro, en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas.

Cómpre engadir que o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas iniciouse a finais de 2023 a través de doce cursos de formación especializada na tapicería tradicional, na madeira, na marroquinería, na xastrería, na ourivería compostelá, no tecido tradicional, na talla do acibeche, na olería de Buño, na confección de roupa e na pasamanería. Está previsto que este programa teña continuidade no tempo incrementando o número de actividades e a diversidade de técnicas, co obxectivo de ampliar o abano de oficios tradicionais nos que asegurar o relevo xeracional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024