A Xunta inviste máis de 422.000€ na mellora enerxética e de confort do instituto de Porto do Son

O conselleiro comproba o avance da obra, que inclúe tanto cambio de cuberta como de fiestras, tubaxes e pérgola de acceso ao polideportivo

Enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que se invisten máis de 278M€ para mellorar as instalacións dos centros e o día a día dos seus usuarios

Porto do Son (A Coruña), 17 de setembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o avance das obras de mellora da eficiencia enerxética que o seu departamento está a executar no Instituto IES de Porto do Son. Cun investimento de máis de 422.000€ está previsto que a actuación remate no prazo aproximado dun mes, dado que o cambio de cuberta xa se rematou.

Esta obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar e mellorar as instalacións educativas da Comunidade. Neste sentido, o conselleiro recalcou o compromiso coa mellora da eficiencia enerxética dos centros educativos a través de cambios de cuberta e fiestras, como é o caso de Porto do Son, ou de instalación de novos sistemas de calefacción ou de iluminación, entre outras melloras.

“Actuacións como a que estamos a acometer neste instituto redundan non só nun menor consumo enerxético, senón tamén nunha maior confort térmico e, polo tanto, nun mellor día a día para a comunidade educativa”, afirmou Román Rodríguez.

Cuberta, fiestras e pérgola

A obra que se está a executar no IES de Porto do Son ten como obxectivo principal o cambio de cuberta, que xa está rematado. No seu lugar colocouse unha nova formada por chapa exterior e interior de aceiro galvanizado e con recheo intermedio de espuma de poliuretano.

Ademais, aprovéitase para mudar algunhas fiestras que non tiñan a estanqueidade necesaria, que se substitúen por unhas novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros dobres.

Así mesmo, colócase unha nova pérgola de acceso ao polideportivo, que estaba deteriorada polo ambiente mariño. A maiores, múdase a tubaxe de cobre da instalación de auga fría por tubaxe de polipropileno.

Máis de 1.000 obras na provincia

A Xunta está a investir máis de 278M€ nas case 2.700 actuacións incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para o período 2021/2024. A provincia da Coruña concentra máis de 1.000 obras, cun investimento de case 97,5M€ ao abeiro deste plan.

No concello de Porto do Son, ademais desta actuación no instituto, tamén se acometeu o cambio de cuberta do Colexio CEIP Santa Irene, por preto de 270.000€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024