A directora xeral de Promoción da Igualdade destacou que este programa apoia proxectos femininos no rural que van máis aló do sector primario

A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar as axudas para o emprendemento feminino do programa Emega

A Xunta de Galicia destina a este plan máis de cinco millóns de euros, a cifra máis alta da historia deste programa

As emprendedoras beneficiarias reciben axudas que oscilan entre os 3.000 e 42.000 euros en función do proxecto

As empresas solicitantes terán de prazo ata o vindeiro venres 27 de setembro

Mañón (A Coruña), 17 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia lembra que o programa Emega, para o fomento do emprendemento feminino, mantén aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 27 de setembro. Este plan consta de catro liñas de achegas de entre 3.000 e 42.000 euros, cofinanciadas pola Unión Europea, ás que a Xunta de Galicia destina en total máis de cinco millóns de euros, a cifra máis alta da historia deste programa.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron hoxe o proxecto dunha das empresarias beneficiarias das axudas no concello coruñés de Mañón, onde se sitúa a Granxa Labrada Bed & Horses. Neste espazo rural recuperouse unha antiga casa de aldea, construíronse instalacións ecuestres e acondicionáronse pastos co asesoramento de Agader; ademais de crear servizos de turismo ecuestre e ofrecer formación a través de clases e obradoiros.

As responsables da Xunta puxeron en valor o programa Emega como unha axuda cara o emprendemento feminino tamén no rural que vai máis alá do sector primario, neste caso a través dun proxecto de turismo ecuestre ao que se lle concederon 8.000 euros.

O obxectivo do programa Emega é promover o apoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e eliminar as discriminacións por sexo. Neste sentido, a Liña Emprende ofrece incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

A Liña Activa busca, pola súa banda, favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. Está dirixida a paliar unha situación económica adversa, acadando o necesario equilibrio empresarial ao mesmo tempo que se mantén o emprego e se consolida e mellora o proxecto.

Entre tanto, a Liña ITEF impulsa as iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable. E, finalmente, a Liña Concilia é unha axuda complementaria ás outras tres para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das emprendedoras como das traballadoras por conta allea.

Poden beneficiarse das axudas do Plan Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa entre o 1 de agosto do ano pasado e a data de peche desta convocatoria. Os requisitos específicos de cada unha das liñas poden consultarse na orde.

Enlace á convocatoria: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI429A

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024