Villares valora positivamente o nomeamento dun novo comisario específico de Pesca e Océanos

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, valora positivamente a proposta de nomeamento dun novo comisario europeo específico de Pesca e Océanos, que recae no chipriota, Costas Kadis, xa que cumpre o compromiso acadado pola presidenta da Comisión, Úrsula von der Leyen, de separar esta carteira da de Medio Ambiente. O responsable autonómico salientou que deste xeito se da resposta a unha demanda do propio sector e que permitirá realizar unha xestión que responda de forma específica ás necesidades da pesca europea, na que Galicia xoga un papel moi destacado.

O titular de Mar recorda que, de confirmarse o seu nomeamento na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Kadis deberá comandar asuntos moi relevantes para a frota galega como a reforma da Política Pesqueira Común (PPC) ou a protección do sector pesqueiro contra a competencia desleal de terceiros países con lexislación ambiental máis laxa. Alfonso Villares expresou o seu desexo de que as rexións pesqueiras xoguen un maior papel no deseño e execución das políticas pesqueiras comunitarias e que quede atrás a deriva medioambientalista da anterior lexislatura cara un maior equilibrio que teña en conta factores esenciais como o económico ou o social.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/09/2024