A conselleira de Política Social e Igualdade visitou as instalacións xa rematadas, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo

Fabiola García salienta o investimento de 240.000 euros no novo punto de encontro familiar de Verín, que abrirá a principios do vindeiro ano

Na actualidade está en licitación tanto o seu equipamento como a súa xestión, que estará reservada a unha entidade social especializada na atención á infancia

Este PEF será o noveno de toda Galicia e o segundo situado na provincia de Ourense

Estará atendido por tres profesionais e tamén funcionará como punto de mediación familiar

Verín (Ourense), 17 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o investimento de 240.000 euros realizado nas obras do novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Verín, que dará servizo a toda a comarca. Fíxoo durante a visita ás obras deste centro, xa rematadas, e nas que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.

Fabiola García sinalou que a previsión é que este PEF abra as súas portas no primeiro trimestre do vindeiro ano, para o que actualmente está en licitación tanto o seu equipamento como a súa xestión, que estará reservada a unha entidade social especializada no ámbito da infancia. Así, este centro será o noveno de toda Galicia e o segundo na provincia de Ourense, xa que nestes momentos están en funcionamento un en cada cidade e outro en Ribeira que presta atención ás familias da zona do Barbanza. Esta rede pública completarase, ademais, con outros dous novos recursos deste tipo para as comarcas do Deza e da Mariña, que se situarán en Lalín e en Cervo.

A conselleira explicou que neste PEF traballarán tres profesionais, que velarán polo benestar e a seguridade dos nenos cando os seus proxenitores enfróntanse a procesos de separación conflitivos. Así mesmo, como novidade, este centro funcionará como punto de mediación para reconducir situacións familiares complexas sen necesidade de acudir aos xulgados.

Fabiola García manifestou que coa próxima posta en marcha deste recurso, ademais de mellorar a atención aos menores, evitaranse ás familias facer longos desprazamentos por estrada, aforrándolles quilómetros, tempo e diñeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024