A Xunta iniciará mañá traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico

Os traballos levaranse a cabo mañá e o mércores, entre as 8 e as 18 horas, e o tráfico desviarase polos ramais da conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa A-55 e de Areas, construída recentemente

O obxectivo é acondicionar o firme neste treito da A-55, que é de titularidade estatal e que se afectou coa execución do enlace da autovía Tui-A Guarda

Tamén están comezando as obras de mellora no treito da N-551 nesta contorna, que vai ser transferido á Xunta, pasando a integrarse na estrada autonómica PO-552

Estas intervencións enmárcanse nun contrato máis amplo, cun investimento de 1M€, co que a Xunta está a acondicionar as vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024

A Xunta iniciará mañá traballos de renovación da capa de rodaxe na A-55 en Tui, que farán necesarios desvíos de tráfico.

Os traballos levaranse a cabo mañá e o mércores, entre as  e as 18 horas, e tamén se poderían prolongar ata o xoves se é necesario.

Para poder traballar na calzada, o tráfico será desviado estes días polos ramais do enlace de conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa autovía A-55 e de Areas, construído recentemente.

Trátase do acondicionamento do firme neste treito da A-55, que é de titularidade estatal e que se afectou coa execución do enlace da autovía Tui-A Guarda. No marco destas últimas obras, xa se repuxera o firme afectado, pero agora esténdese o ámbito da renovación da capa de rodaxe na A-55 a toda a lonxitude, entre os ramais de enlace executados.

O obxectivo destes traballos é acadar unha maior homoxeneidade nas características do firme e, polo tanto, contribuír á maior comodidade dos usuarios da autovía.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén está comezando as obras de mellora da seguridade e accesibilidade no treito da N-551, que está en trámites de ser transferido ao Goberno galego, pasando a integrarse na estrada autonómica PO-552.

Estas intervencións enmárcanse nun contrato máis amplo, cun investimento de 1M€, co que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a acondicionar as vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.

Data de actualización: 16/09/2024