A Policía Autonómica e a UIFO esclarecen un incendio forestal en Padrón

O lume orixinouse nunha fumeira que carecía de tapa superior para evitar a saída de faíscas incandescentes 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago, en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 10 de agosto en Padrón. O lume produciuse na parroquia de Carcacía e afectou unha superficie de 6,8 hectáreas de monte arborado.

A orixe do incendio localizouse nunha fumeira próxima que carecía de tapa na parte superior para evitar a saída de faíscas incandescentes e situada practicamente á mesma altura que a parcela na que se iniciou o lume. Os restos de combustión no interior da fumeira, na cociña de leña e sobre o tellado da vivenda corroboran esta hipótese. Hai unha persoa investigada como presunta autora do incendio.

As dilixencias por estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Padrón.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 12 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 16/09/2024