A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do titular de Facenda, Miguel Corgos, participou hoxe na presentación do Anuario do Foro Económico de Galicia 2024

Lorenzana pide ao goberno un marco de colaboración “real e leal” para impulsar a industrialización de Galicia

Demanda apoio para os proxectos industriais estratéxicos, un modelo máis descentralizado de xestión dos fondos europeos e a revisión do sistema de financiamento

“A asignación aos proxectos galegos non reflicte a importancia estratéxica da nosa comunidade nin o potencial dos nosos sectores produtivos”, afirma

A Coruña, 16 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana,  pediu hoxe ao Goberno central un marco de colaboración “real e leal” para impulsar a industrialización de Galicia e liderar unha recuperación económica sólida e sustentable. “É a nosa responsabilidade e o noso deber, dos dous gobernos, seguir traballando xuntos por un futuro mellor para Galicia e, polo tanto, por un futuro mellor para España”.

Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na presentación do Anuario do Foro Económico de Galicia, que tamén contou coa presenza do ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, ante quen a conselleira demandou o apoio do Goberno aos proxectos industriais estratéxicos, un modelo máis descentralizado de xestión dos fondos europeos e a revisión do sistema de financiamento.

“Unha vez máis, reiteramos a necesidade de que os fondos comunitarios cheguen a Galicia canto antes e da forma máis xusta e descentralizada posible para poder seguir apoiando as persoas autónomas e ao noso tecido empresarial”, subliñou. Para iso, avogou por implantar un modelo máis participativo que permita ás comunidades autónomas tomar as decisións para xestionar os fondos da maneira máis eficiente e próxima ás necesidades reais das empresas. 

Lorenzana puxo en valor que Galicia é a segunda comunidade, despois do País Vasco, en taxa de resolución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; un dato que contrasta, dixo, coa execución dos Pertes cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, porque dos máis de 41.000 M€ anunciados a día de hoxe só se levan resolto 13.985 M€, un 34% do total dos fondos asignados a España. “É un dato que preocupa enormemente ao Goberno de Galicia”, dixo.

Falta de compromiso

Neste contexto amosou o seu descontento porque “a asignación aos proxectos galegos non reflicte a importancia estratéxica da nosa comunidade nin o potencial dos nosos sectores produtivos”. “É imposible garantir novos proxectos e que reciban o respaldo necesario para a súa execución exixindo os mesmos requisitos que se están exixindo para outros proxectos noutras comunidades autónomas”, argumentou. Segundo destacou, “Galicia non pode permitirse que proxectos clave para o noso desenvolvemento industrial e económico, para aumentar a cantidade e a calidade do emprego e o futuro das nosas xeracións se vexan freados por falta de compromiso financeiro”.

Xunto con isto, solicitou, ademais, a revisión do sistema de financiamento autonómico “sen ningún tipo de arbitariedade e sobre a base da solidariedade”, dixo. “Galicia precisa un sistema de financiamento máis xusto e con suficientes recursos para poder xestionar os servizos e as competencias que temos asignados”.

A conselleira puxo de manifesto a solidez da economía galega, cuxa recuperación, abondou, foi, en termos relativos, máis robusta que na media da UE e no conxunto de España. Cos últimos datos publicados do segundo trimestre de 2024, o PIB galego  incrementou se un 6,24 % respecto ao nivel prepandemia cando en España foi dun 4,70%. O mercado laboral galego tamén mellorou significativamente, en datos de afiliación e de emprego, e cunha notable redución do paro e da temporalidade.

“Galicia é marca de estabilidade, de confianza e de garantía, e iso tamén se reflicte internacionalmente”, resaltou, para prognosticar outro ano histórico en exportacións, que medraron un 3,5% no que vai de 2024 cun superávit na balanza comercial de case un 12% respecto do mesmo período do ano anterior, 5.100 M€.

Lorenzana concluíu agradecendo o traballo “rigoroso e comprometido” do anuario presentado hoxe polo Foro Económico, fundamental, dixo, para comprender o contexto económico de Galicia pero tamén de España e do resto do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2024