O presidente da Xunta visitou Bodegas Ladairo en Oímbra

Rueda destaca as boas previsións da vendima na Denominación de Orixe Monterrei na que se espera recoller máis de 7 millóns de quilos de uva

Pon en valor a calidade do traballo desta D.O. e sinala o estado excelente das uvas, polo que se prevé que favoreza unha colleita histórica

Resalta a importancia do sector vitivinícola ao contribuír ao desenvolvemento do rural e xerar un importante valor económico con case 300 M€ en orixe

A Xunta convoca diversas liñas de axuda como as que sacará proximamente o Igape, para a recollida de uva

Oímbra (Ourense), 14 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe as boas previsións de recollida da uva deste ano, o que fai prever unha vendima de récord en Denominacións de Orixe (D.O.) como a de Monterrei, onde se estima recoller máis de 7 millóns de kilos de uva, o que suporía acadar esta cifra por primeira vez na historia.

Así o salientou nunha visita ás Bodegas Ladairo, en Oímbra, na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Tras realizar un percorrido polos viñedos, puxo en valor os máis de 500.000 quilos de uvas recollidos ata o de agora na D.O. á que pertence esta adega e destacou o bo estado no que se atopan as vides.

Rueda recordou a alta calidade do viño que se produce en Galicia e sinalou que o sector do enoturismo “ten que medrar máis”. Así mesmo, salientou a importancia das empresas familiares no sector vitivinícola galego, como é o caso das Bodegas Ladairo, que exemplifican “todo o bo que está sendo o sector vitivinícola en Galicia”.

Tamén resaltou a importancia desta actividade no conxunto da comunidade, con máis de 10.000 viticultores e preto de medio milleiro de adegas que xeran un valor económico en orixe de case 300 millóns de euros baixo os indicativos de calidade, é dicir, as 5 DOP e as 5 IXP.

Compromiso da Xunta co sector

Na súa visita, o presidente tamén quixo destacar o apoio da Xunta co sector vitivinícola a través de diversas liñas de axuda. Así, o obxectivo é axudar tanto a aqueles “que vaian ben” como “en aqueles sitios onde haxa dificultades”.

Entre estas medidas, destacan as subvencións para a reestruturación e reconversión de viñedos, cunha dotación de 4 millóns de euros; as de promoción do viño galego en mercados internacionais, que alcanzan os 1,7 millóns de euros; e as destinadas para a recollida de uva, que se convocarán proximamente a través do Igape (2,1 M€ na última convocatoria).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2024