A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, percorreu hoxe o Roteiro do cuarzo do Pico Sacro, unha ruta guiada organizada en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia

Lorenzana destaca que poñer en valor o patrimonio mineiro de Galicia é parte da estratexia da Xunta para ao sector

Este percorrido de 7,3 Km transcorre ata o miradoiro de Gundián, cruzando o río Ulla, para coñecer o filón de cuarzo que hai nesta contorna

É a segunda ruta organizada este ano no marco deste convenio, logo da que se fixo o pasado 3 de agosto nunha viaxe en barco ata os cargadoiros de mineral de Rande no que tamén tivo ocasión de participar a conselleira

Lorenzana indica que Galicia é a 4ª comunidade autónoma en valor de produción mineira en España, e tamén en emprego, con máis de 3.300 postos de traballo vinculados a este sector

 

Boqueixón (A Coruña), 14 de setembro de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta que está a facer a Xunta por poñer en valor o patrimonio mineiro e xeolóxico da comunidade e por promover a súa conservación, un dos obxectivos que recolle a Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia.

Lorenzana participou hoxe nunha ruta guiada polo Roteiro do cuarzo do Pico Sacro, unha actividade organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia en virtude dun convenio asinado coa Consellería de Economía e Industria para dar a coñecer a riqueza mineira da comunidade e o seu atractivo turístico e paisaxístico.

Este percorrido de 7,3 Km transcorre ata o miradoiro de Gundián, cruzando o río Ulla, para coñecer o filón de cuarzo que hai nesta contorna, onde se atopa a mina de Serrabal e a mina Castillo. É a segunda ruta organizada este ano no marco deste convenio, logo da que se fixo o pasado 3 de agosto nunha viaxe en barco ata os cargadoiros de mineral de Rande.

O cuarzo dunha pureza tan alta como o que se atopa neste dique utilízase para electrónica (paneis solares) e para a industria química (siliconas) e para fabricar ferrosilicio para a industria da siderurxia. O de menor pureza recíclase como árido, tanto para formigóns e morteiros como para cama seca de gando, construción de instalacións deportivas, filtros, abrasivos e outras aplicacións químicas.

É unha ruta de sendeirismo, ademais, que permite coñecer grandes obras de enxeñaría como son os viadutos das vías de tren e estradas que cruzan o río Ulla.

Lorenzana indicou que Galicia é a 4ª comunidade autónoma en valor de produción mineira en España, e tamén en emprego, con máis de 3.300 postos de traballo vinculados. Un sector de pemes e familias con varias xeracións dedicadas ás explotacións, engadiu. Concretamente, o 97% dos titulares de dereitos mineiros son pemes e o 95% delas teñen sede en Galicia.

A conselleira sinalou que as liñas de traballo da Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia pasan por potenciar a modernización e o crecemento do sector de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente; fortalecer o capital humano e a responsabilidade social; e por promover a integración ambiental, a economía circular e, a posta en valor do patrimonio mineiro e a súa conservación con actividades deste tipo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2024