A Xunta pon en valor a diversificación profesional e o papel das redeiras no sector pesqueiro ás que sitúa como prioridade na política de prevención laboral

A directora de Desenvolvemento Pesqueiro alavou a capacidade de adaptación destas profesionais que están desenvolvemento outras actividades complementarias vencelladas á artesanía, a reciclaxe ou o turismo mariñeiro

O Goberno galego sinala a este colectivo como unha prioridade nas acción a prol da prevención de riscos por contar cunhas condicións de traballo moi especiais e ser unha profesión especialmente feminizada

A Coruña, 14 de agosto de 2024

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde e o director xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, acudiron á xornada organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ baixo o título ‘Redeiras e economía azul. O noso traballo colaborativo e circular’. Esta iniciativa tivo lugar na coruñesa praza de María Pita onde instalaron varios stands e espazos de traballo onde amosaron o traballo que realizan para artes menores, o palangre ou o cerco. O obxectivo desta acción é divulgar a labor que realizan estas traballadoras, afondar noutros aspectos desta actividade como a xestión de residuos no tratamento das redes de pesca e poñer en valor os avances na diversificación profesional.   

A representante autonómica destacou os esforzos da entidade organizadora por poñer en valor un oficio que destaca por estar especialmente feminizado dentro dun sector, o pesqueiro, que pola contra é tradicionalmente moi masculinizado. Nesta liña, resaltou a necesidade dun maior recoñecemento social á esencial contribución das mulleres ao fornecemento do sector da pesca en Galicia. Ademais, louvou a capacidade de adaptación destas profesionais, moitas das cales nos últimos anos foron complementando o seu traballo de redeira con outras actividades como a artesanía, a reciclaxe ou o turismo mariñeiro.

Prevención laboral

Pola súa banda, a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, referiuse ao colectivo de redeiras como prioritario nas accións da Xunta a prol da prevención de riscos, por contar cunhas condicións de traballo moi especiais e ser unha actividade moi feminizada que ten como un dos seus principais retos a remuda xeracional.

Así, a xerente do Issga puxo de relevo actuacións como a campaña de sensibilización para mellorar a identificación das enfermidades profesionais das redeiras e mariscadoras co obxectivo de que reciban atención sanitaria axeitada. A maiores, aludiu aos recoñecementos médicos periódicos realizados para coñecer a relación entre a saúde laboral e os riscos no traballo, campañas informativas sobre recomendacións preventivas e xornadas explicativas sobre temáticas de interese das redeiras e das mariscadoras, no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/09/2024