O presidente da Xunta participou hoxe na celebración do Día de Galicia en Asturias, celebrado en Oviedo

Rueda agradece á colectividade galega en Asturias o seu compromiso co mantemento dos lazos entre ambas comunidades

Resalta os lazos de unión entre as dúas comunidades e as súas xentes, e recorda a importancia de que ambas administracións autonómicas traballen xuntas nos ámbitos comúns

Destaca o bo facer da Asociación Día de Galicia en Asturias para preservar a tradición e a cultura

Oviedo, 15 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe á colectividade galega en Asturias o seu compromiso por manter os lazos de unión entre ambas comunidades.

Así o salientou en Oviedo, onde participou na celebración do Día de Galicia en Asturias, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Na súa intervención, Rueda manifestou que “tiña que estar aquí” dada a importancia de “recordar un día ao ano o que supoñen Galicia e Asturias”, a unión de dúas comunidades que ten “un valor moi importante que temos que coidar”.

Neste sentido, o presidente da Xunta resaltou as fortes conexións que hai entre as dúas comunidades, as oportunidades conxuntas que existen e que “chegar a acordos entre as institucións” é posible por enriba das diferentes ideoloxías políticas.

Así, o titular do Executivo autonómico apuntou ao Camiño de Santiago coma un exemplo de estreitamento de lazos entre ambas comunidades, sinalando que a aposta decidida do concello de Gijón “está dando os seus froitos” na melloría das cifras de peregrinos que pasan por Asturias.

O Día de Galicia en Asturias é un dos actos centrais dunha serie de celebracións que cada ano organiza a Asociación Día de Galicia en Asturias para honrar todo o que une ás dúas comunidades. En consecuencia, o presidente da Xunta agradeceu o bo facer de asociacións como Día de Galicia en Asturias e en especial a labor do seu presidente, Manuel Fernández Quevedo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2024