No marco da posta en marcha do Plan de cirurxía menor para o ámbito da atención primaria que impulsa a Consellería de Sanidade

A Xunta formará máis de 300 profesionais médicos e de enfermería en cirurxía menor

O departamento sanitario galego xa adquiriu 104 bisturís eléctricos para contribuír ao impulso dun plan de cirurxía menor que mellorará a accesibilidade, a eficiencia e a calidade do coidado da saúde

A posta en marcha do plan reducirá os desprazamentos dos pacientes aos hospitais para facer este tipo de cirurxías

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, ten previsto realizar, entre o 6 de novembro e o 20 de decembro, as sete primeiras edicións dun total de 14, da formación en materia de cirurxía menor nas sete áreas sanitarias galegas, que irán destinadas a máis de 300 profesionais médicos e de enfermería.

Esta formación enmárcase no Plan de cirurxía menor para o ámbito da atención primaria que está a impulsar a Consellería de Sanidade.

O dito plan desenvolverá a necesaria formación ao persoal sanitario e fixará protocolos estandarizados para que, xunto coa dotación de novo equipamento tecnolóxico, se potencie a resolución neste nivel asistencial de intervencións cirúrxicas sinxelas.

Xunto ao anterior, esta medida permitirá abordar una serie de procedementos cirúrxicos de curta duración, realizados sobre tecidos superficiais, baixo anestesia local, de baixo risco e logo dos que non son esperables complicacións poscirúrxicas significativas.

A Consellería de Sanidade considera que poder realizar estes procedementos en atención primaria é esencial para mellorar a accesibilidade, a eficiencia e a calidade do coidado da saúde, especialmente ao reducir a necesidade dos desprazamentos dos pacientes aos hospitais.

Grupo de traballo

O plan comezou a desenvolverse o pasado mes de xuño, data na que se constituíu o grupo de traballo formado por membros da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, médicos da especialidade de medicina familiar e comunitaria, cirurxiáns, dermatólogos, hematólogos, anatomopatólogos e persoal de enfermería.

Este grupo definiu os puntos claves para o deseño do plan de cirurxía menor no primeiro nivel asistencial, entre os que se atopan aspectos como a identificación de patoloxías máis relevantes para seren tratadas no marco desta iniciativa; a definición da carteira de servizos de cirurxía menor en primaria e da poboación diana e os criterios de inclusión; ademais do establecemento dos recursos necesarios e a definición de procedementos e protocolos.

En materia de equipamento, e para poder contribuír a facer efectivo o plan, a Consellería de Sanidade xa adquiriu 104 bisturís eléctricos.

En consecuencia, a implementación deste plan de cirurxía menor en atención primaria mellorará a accesibilidade, eficiencia e calidade no coidado da saúde, sendo unha estratexia chave para seguir a avanzar cara un sistema de saúde máis equitativo, homoxéneo e eficaz, respaldado por unha capacitación adecuada dos profesionais, unha correcta infraestrutura e, así mesmo, protocolos estandarizados acordados entre profesionais de primaria e hospitalaria.

Igualmente, o plan incrementará a motivación dos profesionais, ao potenciar a súa capacidade resolutiva, así como reforzar a súa relación cos pacientes e diversificar a súa práctica diaria.

Co impulso do Plan de cirurxía menor para o ámbito da atención primaria, a Xunta vén dar cumprimento a unha iniciativa aprobada o pasado mes de maio no Parlamento de Galicia instando á súa posta en marcha.

Data de actualización: 14/09/2024