A Xunta pon en valor a súa política de vivenda na comisión executiva da Asociación de Promotores Públicos de Vivenda e Solo

O director xeral do IGVS participou na reunión da comisión executiva de AVS, á que pertence por ser membro de dita asociación o organismo que dirixe

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou esta semana en Madrid na reunión da comisión executiva da Asociación Española de Gestores Públicos de Vivienda y Suelo (AVS) da que forma parte ao estar integrada en dita asociación o IGVS como promotor público de vivenda.

A comisión executiva de AVS realizou na súa xuntanza unha análise da normativa vixente en materia de vivenda que pode ser obxecto de modificación co obxectivo de favorecer a actuación dos concellos e comunidades autónomas na construción de vivenda pública. Cabe salientar que boa parte dos membros de AVS son concellos e empresas públicas municipais de vivenda que promoven vivenda protexida de promoción pública, así como comunidades autónomas e outros organismos públicos.

Os membros da comisión executiva tamén mantiveron un coloquio sobre os diferentes sistemas de financiamento de construción de vivenda accesible en alugueiro, no que se puxeron en valor actuacións como a da Xunta de Galicia coa adxudicación de solo urbanizado en dereito de superficie, co fin de facilitar a construción de vivendas en alugueiro por parte de cooperativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/09/2024