A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as obras

A Xunta avanza na mellora da rede de saneamento do núcleo urbano de Lalín cun tanque de tormentas e novos colectores, cun investimento de máis de 7 M€

Ángeles Vázquez engade que se instalará un parque infantil na cuberta do tanque co obxectivo de mellorar a integración paisaxística da obra

Lalín (Pontevedra), 13 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia avanza na mellora da rede de saneamento de Lalín e das condicións ambientais do río Pontiñas cun tanque de tormentas e novos colectores, que supuxeron un investimento de algo máis de 7 millóns de euros.

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou ás obras destas actuacións, na que estivo acompañada polo alcalde, Xosé Crespo, o tanque e os colectores permitirán aumentar o almacenamento na rede ante episodios de choiva e incrementarán a capacidade da estación depuradora de augas residuais (EDAR) existente.

Máis polo miúdo, estas obras, que están próximas a finalizar, consistiron na construción dun tanque de tormentas, cun volume de retención de 5.000 m3, e de 1,2 quilómetros  de colectores interceptores de poliéster reforzado con fibra de vidro para canalizar os vertidos á nova instalación e o vertido de alivio ao Pontiñas. A maiores, segundo engadiu a conselleira, instalarase un parque infantil na cuberta do tanque co obxectivo de mellorar a integración paisaxística da obra.

Ángeles Vázquez lembrou que esta actuación está recollida como prioritaria no Plan director de saneamento de Lalín, que redactou Augas de Galicia, e enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

A maiores, a conselleira subliñou que, para acadar os resultados establecidos nese Plan director, as obras do tanque de tormentas e dos colectores interceptores irán acompañadas doutras actuacións como o proxecto de construción dunha nova EDAR que poida xestionar o volume de auga residual retido durante os episodios de choiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024