María José Gómez reitera o compromiso da Xunta co regadío da Limia e apela a manter a colaboración institucional para seguir apoiando a súa modernización

A conselleira do Medio Rural participou na visita ás obras de modernización e consolidación dos regadíos da Comunidade xeral de regantes Nova Limia, acto que estivo presidido pola secretaria de Estado de Agricultura y Alimentación

Salientou tamén o apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa, que cualificou de esencial para unha comarca “especialmente agrícola”, como a limiá

Xinzo de Limia (Ourense), 12 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou hoxe o compromiso da Xunta co regadío da Limia, un apoio que, entre outras cuestións, se concretou nunha achega de 7 millóns de euros para facer posible un total de 42 captacións de auga. A conselleira participou na visita ás obras de modernización e consolidación dos regadíos da Comunidade xeral de regantes Nova Limia, acto que estivo presidido pola secretaria de Estado de Agricultura y Alimentación, Begoña García Bernal.

María José Gómez, que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, sinalou que “cómpre seguir traballando xuntos”, todas as administracións implicadas, para garantir o futuro desta iniciativa. Neste sentido, salientou a presenza no acto do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e valorou que o organismo provincial tamén se prestou a colaborar no seu cofinanciamento.

Nesta liña, a conselleira apelou ao “diálogo continuo e constante” para impulsar este proxecto. Por iso, remarcou que “as administracións estaremos para facer as aportacións necesarias para ese cofinanciamento” e para apoiar a iniciativa. Así, cualificou o proxecto de “esencial” para unha comarca como A Limia, “especialmente agrícola e onde cada metro de terra produce moitísimo”. Engadiu que en Galicia temos a fortuna de contar co clima e coa fertilidade da terra e por iso podemos ser “a despensa de España e mesmo de Europa”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2024