A Xunta sinala os administradores concursais como pezas clave nun sistema xudicial eficiente

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración do ‘VI Encontro nacional de actualización concursal e societario’

O Goberno galego aposta pola colaboración e o diálogo cos operadores xurídicos para garantir unha Administración de Xustiza moderna, áxil e próxima á cidadanía

A Coruña, 12 de setembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración do VI Encontro nacional de actualización concursal e societario, onde sinalou os administradores concursais como “pezas clave nun sistema xudicial eficiente”. O conselleiro incidiu tamén na necesidade da colaboración e o diálogo entre a Xunta e os diferentes operadores xurídicos para garantir na Administración de Xustiza un servizo moderno, áxil e próximo á cidadanía.

Diego Calvo salientou á importancia de investir en formación e en coñecemento, con actividades como o encontro inaugurado hoxe, que convidan ao debate e a reflexión en temas de máxima actualidade da man de persoas expertas en diferentes eidos. Nesta liña, destacou contidos do programa como a reestruturación e sostibilidade empresarial, a Intelixencia Artificial ou a loxística e o transporte, todos eles fundamentais para a competitividade das empresas.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse ao incremento do impacto do dereito concursal no societario, cunha cultura máis centrada na conservación da empresa que na súa liquidación co obxectivo de salvar a maior actividade e emprego. “ E non só por facilitar a solución reestruturadora do convenio concursal, senón tamén por facelo posible antes e en lugar do concurso de acredores”, engadiu.

Canto á Intelixencia Artificial, destacou a aposta da Xunta por combinar tecnoloxía e dereito para a automatización de tarefas repetitivas, a análise de datos e predición, e a mellora da investigación legal. Segundo apuntou, búscase así “fomentar a colaboración e a comunicación entre operadores xurídicos e económicos, ao tempo que se facilita un enfoque máis proactivo e transparente na prestación de servizos legais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2024