A conselleira de Política Social e Igualdade fixo hoxe balance do nivel de cumprimento deste acordo no Pleno do Parlamento de Galicia

Fabiola García urxe ao Goberno central a renovar canto antes o pacto de estado contra a violencia de xénero, que leva conxelado desde 2022

Propuxo a incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital, así como que se promulgue unha lei específica contra a trata de persoas

Galicia executou o 96% das medidas do Pacto, moi por riba do 60% do Executivo central

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, cualificou hoxe de “preocupante” o grao de cumprimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero por parte do Goberno central e considerou necesaria a súa renovación. Así o sinalou nunha resposta oral no Pleno do Parlamento de Galicia na que fixo balance deste acordo aprobado no 2017 e cuxo período de execución rematou hai dous anos.

Fabiola García sinalou que este Pacto de Estado non impediu que, durante a súa vixencia, 352 mulleres foran asasinadas polas súas parellas; que 35 nenos e adolescentes o foran polos seus pais ou por parellas das súas nais e que outros 265 quedaran orfos. Así mesmo, considerou un “retroceso” a chamada Lei do “si é si”, que supuxo que 1.450 agresores sexuais viran reducida a súa condena e que 126 saíran antes do cárcere.

Ante esta situación, a conselleira urxiu ao Executivo central a renovar canto antes un acordo que leva conxelado desde o ano 2022, coa incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital. Tamén demandou que se revisen os erros do sistema Viogen á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero que denunciaran ao seu agresor e que se promulgue unha lei contra a trata de persoas, xa que Galicia leva desde 2022 cun plan anti-trata.

Fabiola García lembrou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero atribúelle ás Comunidades Autónomas a execución de 100 medidas das 290 que constitúen o acordo. Durante a súa vixencia, Galicia executou o 96% das medidas que lle corresponden e puxo en marcha máis de 200 proxectos. Este grao de cumprimento é moi superior ao 60% no que se sitúa o Goberno central.

Chegada de persoas migrantes

Por outra banda, a conselleira de Política Social e Igualdade defendeu no Pleno de hoxe a actuación da Xunta de Galicia na crise migratoria. Ao respecto, indicou que ao longo deste verán a nosa comunidade leva acollidas a preto de 1.000 persoas migrantes.

Ademais, informou de que xa están en Galicia os 28 nenos e adolescentes non acompañados acordados na conferencia sectorial do 2023 e que, nestes momentos, estase a traballar con Ceuta, Canarias e o Goberno central para formalizar os trámites do traslado dos outros 26 pactados na conferencia sectorial deste ano.

Fabiola García apuntou que Galicia sempre foi unha terra solidaria e que a Xunta está a actuar con responsabilidade e lealdade, ao tempo que volveu reclamar ao Goberno central os medios e recursos necesarios para contribuír á atención destas persoas, así como a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes e que se declare a situación de emerxencia migratoria en España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2024