O OUR Fest afianza a cidade Ourense como destino turístico de grandes festivais co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación desta cita que levará este sábado bandas internacionais consolidadas

Ourense, 11 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá en Ourense o OUR Fest, que definiu como unha das citas “culmen deste verán 2024” no que os festivais están a conseguir “axudar a diversificar a oferta turística galega”. Como explicou, a terceira edición desta cita -que se celebrará este sábado en Expourense co apoio de Turismo de Galicia- permite “afianzar a cidade como destino turístico de grandes festivais incentivando tamén o turismo urbano nesta etapa final do verán”.  

O director de Turismo de Galicia subliñou a capacidade deste festival de mover cada ano arredor de 4.000 persoas cunha fórmula que mestura “o mellor do rock alternativo, o indie e outros estilos musicais e achegou a Galicia bandas internacionais como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy o The Big Moon en 2022 e  Suede, Grande Amore, Baxter Dury ou Kula Shaker”.

Nesta terceira edición, na que a música non deixará de soar durante toda a tarde e parte da noite do sábado de xeito ininterrompido, actuarán artistas e bandas coma Juke Bugg, Miles Kane, Teenage Fanclub,  Yard Act y Los Enemigos,  Caballo Prieto e Azabache. “Ourense consigue diferenciarse así como a sede dun evento musical destas características no que se dan cita bandas e intérpretes que suman calidade a esta cita musical”, afirmou destacando a importante aposta da Xunta de Galicia por este evento.

Cidade de Ourense, destino internacional

O director de Turismo de Galicia puxo en valor a capacidade de atracción desta cita musical de público chegado non só desde calquera punto de Galicia, senón tamén doutros lugares de España e fóra dela.

Neste sentido, fixo referencia aos bos datos da cidade no que vai de ano, con máis de 77.000 viaxeiros de xaneiro a xullo e onde se está a notar a desestacionalización con incrementos no volume de noites nos establecementos de aloxamento nos meses febreiro, marzo, maio e xuño entre un 5% e un 8%. “Nestes sete primeiros meses destaca tamén o incremento do turismo internacional na cidade, que medra un 33% e tamén o incremento da rendibilidade hoteleira nun 30%”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2024