A Xunta aposta por atraer novos investimentos e fortalecer o sector da industria en Galicia

A conselleira de Economía e Industria asistiu hoxe á apertura da oficina de presentación comercial de CITIC Censa para Europa situada no Porriño

Subliñou que o Goberno galego ofrece estabilidade, seguridade xurídica e facilidades administrativas para espertar o interese e a confianza dos grandes grupos empresariais

O Porriño, 7 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta por atraer a Galicia novos investimentos e fortalecer o sector da industria para que o seu peso no PIB acada o 20%.

A conselleira asistiu hoxe á apertura no Porriño dunha oficina de representación comercial da compañía chinesa CITIC Censa para Europa a quen lles trasladou o seu agradecemento por elixir Galicia como a mellor localización para seguir crecendo e expandindo o seu negocio e “por ver en Galicia unha porta de entrada a Europa”, dixo.

Neste sentido, Lorenzana subliñou que a apertura desta delegación comercial vai supoñer un gran pulo para o conxunto do sector da metalurxia que representa o 19% do PIB autonómico e máis do 40% do emprego industrial da Comunidade galega. “Galicia está no top das CC.AA. máis exportadoras neste sector e esta nova delegación europea contribuirá a afianzar a nosa posición no máis alto dese ránking”, subliñou.

Neste sentido, sinalou que é fundamental espertar o interese e a confianza dos grandes grupos empresariais para o que a Xunta xa está a ofrecer estabilidade, seguridade xurídica e as máximas facilidades administrativas a través da Oficina Económica de Galicia que xa atendeu máis de 5.000 consultas de empresas desde a súa posta en funcionamento en abril deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024