Anxo M. Lorenzo convida a descubrir a historia da música gravada nunha mostra no Museo Etnolóxico

O centro museístico de Ribadavia, pertencente á rede da Xunta, acolle esta exposición ata o 31 de outubro cun percorrido que vai do S.XVII ata o S.XX

En total son case 50 pezas entre publicacións e material sonoro como libros, revistas, reprodutores de música, discos de vinilo, casetes, postais ou selos

O director xeral de Cultura resalta na inauguración “a importancia de achegarse á nosa historia en diversos eidos coñecendo ás persoas que interviron nela” 

Ribadavia (Pontevedra), 6 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, resaltou o importante que é “achegarse á nosa cultura desde moi diversas perspectivas e en moi distintos eidos, descubrindo a nosa historia e as persoas que interviron nela, neste caso no campo da transmisión musical”. Así o destacou esta tarde na inauguración da mostra As historias da música gravada en Galicia no Museo Etnolóxico de Ribadavia. 

Tal e como sinalou o representante de cultura do Goberno galego, a exposición, que poderá visitarse neste espazo pertencente á rede de museos da Xunta ata o 31 de outubro, convida ao público a explorar o mundo da música gravada na Comunidade a través de oito figuras clave, desde o século XVII ata o XX. Un percorrido que vai desde Ourense con Martínez de Presa ata outras figuras como a de Severino Pérez Vázquez no S.XIX, quen produciu un precursor do sintetizador de voz, algo así como o que hoxe coñecemos como o autotune. 

Outras historias inclúen a personaxes como Emilia Pardo Bazán e Maruja Boga, que son presentadas por oito artistas do mundo do cómic de maneira que fan unha narración a través desta discplina das súas conexións co son e a música ao longo do tempo.

Para facer este repaso, a mostra reúne case 50 pezas de diferente tipoloxía, con publicacións e material sonoro (soportes ou reprodutores) asociadas sobre todo con persoas do mundo da investigación, académicos ou casas comerciais. Así, pódense observar libros, revistas, reprodutores MP3, discos de vinilo de 7¨ e 12¨, soportes fonográficos, xogos de mesa, xoguetes, máquinas de ditado portátiles, casetes, discos, postais ou selos.

A mostra compleméntase cos bastidores e paneis coas viñetas ilustradas por Enma Roulette, Begoña García-Alén González, Santi Zubizarreta, Marta Casrtu, Andrés Magán, Mar Mascaró, Pepa Prieto Puy e Rapapawn (formado por Cynthia Alfonso e Óscar Raña).

A proposta, incluída na programación do CulturON, a campaña estival da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desenvólvese no marco do Festival Arteficial en colaboración coa Escola Sinsal, o proxecto do Festival Sinsal Son Estela Galicia dedicado a divulgar a historia do rexistro sonoro e tecnoloxía do século XX.

Data de actualización: 06/09/2024