O presidente do Goberno galego participou na presentación do proxecto piloto de prevención de cancro de próstata en Ferrol

Rueda salienta que Galicia está á vangarda de España no programa de cribado de cancro de próstata

Mañá iníciase unha nova fase da pilotaxe, coa realización de resonancias magnéticas nos pacientes que deben continuar coas probas

Desde xuño foron enviadas as primeiras 3.000 invitacións e o obxectivo é chegar a 12.000 homes entre 50 e 69 anos

Ferrol, 5 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Galicia está á vangarda de todo o territorio nacional no programa de cribado de cancro de próstata, unha iniciativa que “vai en beneficio de todo o mundo” e da que hai que concienciar da súa importancia. Este tipo de cancro é o máis común nos homes en Europa, España e Galicia, onde se rexistran arredor de 500 mortes ao ano por esta patoloxía.

Así o sinalou durante a presentación do proxecto piloto de prevención de cancro de próstata no Hospital Arquitecto Marcide, en Ferrol, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Deste xeito, Galicia é pioneira en España no programa de cribado de cancro de próstata.

Desde xuño foron enviadas xa as primeiras 3.000 invitacións a participar no cribado e realizáronse as primeiras analíticas. A partir de mañá, en función do risco detectado, iníciase xa á seguinte fase, que consiste na realización de resonancias magnéticas nos pacientes que deben continuar coas probas.

Este proxecto que súmase a todos os programas postos en marcha en Galicia contra a cancro, como a ampliación da poboación diana do cribado de cancro de mama, a extensión a toda Galicia do cribado de colo de útero, o aumento da difusión do cribado do cancro colorrectal, e a posta en marcha do programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña e Cee: “Estamos sendo pioneiros en España nos cribados de cancro, e agora no de próstata”, destacou.

Para Rueda, isto supón a evidencia de que en Galicia se prioriza o investimento en saúde pública: “Temos un capital humano e un investimento en infraestruturas e en tecnoloxía da sanidade pública que sempre vai ter que ir a máis, pero da que podemos sentirnos francamente orgullosos”, salientou.

Por último, o presidente do Executivo galego deu os seus parabéns a todos os responsables do proxecto pola súa contribución en loitar contra unha das maiores enfermidades da sociedade como é o cancro: “Queda claro unha vez máis que todo investimento en saúde pública sempre é un investimento con todas as letras e en maiúsculas”, finalizou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024