A Xunta colabora con preto de 450.000 euros do Fondo adicional na mellora das instalacións deportivas de oito municipios de Ferrolterra

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución destas axudas durante unha visita ás pistas de pádel e ao campo de fútbol 5 de Ortigueira onde se van a subministrar proxectores de tipo LED con cargo a esta convocatoria

Ortigueira (A Coruña), 2 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia apoia con 449.723 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local a mellora da eficiencia enerxética das instalacións deportivas de oito municipios de Ferrolterra. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou  esta mañá da resolución desta convocatoria de axudas durante unha visitou ás pistas de pádel e ao campo de fútbol 5 do municipio para coñecer as actuacións de mellora de eficiencia enerxética que se prevén realizar nestas e noutras instalacións municipais co apoio do Goberno galego.

Segundo explicou a delegada, os traballos consistirán na substitución de 66 proxectores halóxenos das pistas de pádel e fútbol 5, da piscina municipal e do campo de fútbol de San Claudio por outros de tipo LED co fin de acadar un aforro enerxético e maior rendemento, á vez que se mellora a luminosidade das instalacións.

A Xunta colabora no proxecto cunha achega de 41.515 euros no marco do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

Estas actuacións encádranse na liña destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas, do mencionado  fondo adicional, dotada con 5 millóns de euros. Ademais do concello de Ortigueira, tamén resultaron beneficiados os municipios de Cariño, Cabanas, Mañón, As Pontes, A Capela, Pontedeume e San Sadurniño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2024