Extinguido o incendio forestal do concello ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Oseira

O lume iniciouse na tarde do pasado martes, día 27, e finalmente afectou unha superficie de 31 hectáreas de arborado

Tratouse dunha reprodución do incendio rexistrado a pasada semana na mesma localización

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán de San Cristovo de Cea, parroquia de Oseira, quedou extinguido ás 21,31 horas de hoxe. O lume iniciouse o pasado martes, día 27, ás 17.21 horas e finalmente afectou unha superficie de 31 hectáreas. Tratouse dunha reprodución do incendio rexistrado a pasada semana na mesma localización.

Para a extinción deste lume mobilizáronse 5 técnicos, 23 axentes, 38 brigadas,  31 motobombas, 2 pas, 8 avións e 7 helicópteros. Entre as brigadas mobilizadas, participaron tamén nos labores de extinción dous equipos de bombeiros de Estonia, que rematan mañá a súa estadía en Galicia no marco do mecanismo europeo de protección civil e que xa interviñeron noutros incendios rexistrados estes días na nosa comunidade.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 31/08/2024