A conselleira do Medio Rural participou na inauguración da V Feira do Agro da Limia, Alimagro, que se celebra xunto coa V Feira do Comercio de Prolimia en Xinzo

A Xunta destaca o potencial agrario da Limia e a importancia do sector da pataca para esta comarca

María José Gómez resaltou a calidade das patacas producidas na nosa comunidade, especialmente na Limia, amparadas pola IXP Pataca de Galicia que, no pasado ano, comercializou 5 millóns de quilos cun valor estimado de case 2,8 millóns de euros

Ademais, puxo en valor que neste 2024 destinaranse 6 millóns para o plan de promoción dos produtos galegos con selos de calidade diferenciada

No contexto de Alimagro  tamén remarcou as axudas para a adquisición de maquinaria en común, dotadas neste ano con máis de 4 millóns de euros

Xinzo de Limia (Ourense), 30 de agosto de 2024

A Consellería do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da V Feira do Agro da Limia, Alimagro, que se celebra esta fin de semana na localidade de Xinzo. Neste acto tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; o director xeral de Comercio, Gabriel Alén; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; e o alcalde de Xinzo, Amador Díaz.

Na súa intervención, a conselleira puxo en valor a comarca da Limia como unha das zonas agrarias máis produtivas de Galicia, converténdose nun exemplo das oportunidades que xera a actividade agropecuaria para xerar riqueza e fixar poboación no rural. Lembrou, así mesmo, o compromiso do Goberno galego co proxecto do regadío desta comarca.

A maiores, falou do gran atractivo desta feira, a pataca. Nesta liña, resaltou a gran calidade das producións limiás que teñen o amparo da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. De feito, esta IXP comercializou no ano pasado máis de 5 millóns de quilos de pataca que se traduciron nun valor económico estimado de case 2,8 millóns de euros.

María José Gómez fixo fincapé na importancia da súa calidade e promoción. Por iso, resaltou que a Xunta de Galicia é e será sempre un aliado dos produtores á hora de promocionar os seus excelentes produtos. Neste sentido, recalcou que neste 2024 destinaranse 6 millóns de euros ao plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada -como é a IXP Pataca de Galicia- e seguirase favorecendo a presenza destas producións en eventos e feiras.

Axudas para adquisición de maquinaria

No contexto de Alimagro tamén se celebra a Feira da Maquinaria, polo que a conselleira do Medio Rural quixo destacar as axudas para adquisición de maquinaria agrícola en común, neste ano dotadas cun orzamento de máis de 4 millóns de euros.

Con estas achegas búscase potenciar o asociacionismo e a mellora da eficiencia tecnolóxica e económica das explotacións agrarias, dada a importancia da maquinaria á hora de facilitar o traballo da terra.

V Feira da Comercio Prolimia

Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou o apoio da Xunta á V Feira do Comercio Prolimia que se desenvolverá deica o domingo 1 de setembro, coincidindo coa celebración de Alimagro. Cualificouna como un escaparate perfecto para dar a coñecer toda a oferta do comercio local, con máis de 30 establecementos que ofrecerán diferentes descontos. Engadiu que as actividades previstas para todas as idades contribuirán á visibilidade e posta en valor desta parte tan importante, dixo, do tecido produtivo da Limia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2024