O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica visitou esta mañá ás familias da última quenda de agosto no Carballiño

Máis de 2.200 persoas pasan o verán nas Residencias de Tempo Libre da Xunta

O programa ‘Vacacións en Familia’, a través do que o Goberno galego ofrece estadías de verán de seis días a prezos económicos, continúa desenvolvéndose durante o mes de setembro

O Carballiño (Ourense), 31 de agosto de 2024

Máis de 2.200 persoas pasan este verán nas Residencias de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño e en Panxón (Nigrán). Case 1.300 persoas na primeira, e preto de 1.000 na segunda, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá ás familias que rematan hoxe a última quenda de agosto no Carballiño.

No marco do programa Vacacións en Familia, o Goberno galego ofrece un ano máis estadías de seis días no período estival a prezos económicos. En total, máis de 12.000 noites de aloxamento, entre os meses de xullo, agosto e setembro. As familias numerosas, monoparentais e acolledoras, así como as vítimas de violencia de xénero, teñen preferencia á hora de solicitar este programa.

Campamentos para persoas con discapacidade

As Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón, ademais do albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), acollen tamén os campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade. Este ano, a Xunta ofertou 250 prazas para persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% e con idades comprendidas entre os 11 e os 50 anos. Os campamentos desenvolveranse ata setembro nun total de 15 quendas de 10 días de duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2024