O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero asistiu esta tarde ao evento «Literatas, as Mulleres do Mar»

A Xunta recoñece a contribución das mulleres do mar á sociedade galega

Varias mulleres relacionadas co sector mariñeiro foron homenaxeadas nun acto organizado pola Casa da Muller de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal, que traballan da man do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero

Ponteceso (A Coruña), 30 de agosto de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu esta tarde ao evento «Literatas, as Mulleres do Mar» no marco da 42ª edición do Festiletras. Nesta cita, organizada pola Casa da Muller de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal recoñeceuse a forza, a loita e a dedicación de oito mulleres relacionadas co sector mariñeiro.

Roberto Barba recoñeceu a contribución á nosa sociedade das homenaxeadas: Marite Vello e Carme Cañizas, conserveiras de Corme; Isabel de Amalia, regateira e pescantina; Oliva Imia, percebeira; Amelia Lema, anguleira do Anllóns; Rosa Rodríguez, redeira; Gloria Suárez, muller de mariñeiro; e Yaqui Lista, mariscadora de Camariñas.

Colaboración da Xunta

A Xunta de Galicia colabora coa Casa da Muller de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal a través dun programa con actividades para a prevención e a sensibilización sobre a violencia de xénero nos campamentos de verán que organizan para nenos de entre 3 e 13 anos.

Data de actualización: 30/08/2024