A Xunta iniciará o luns traballos de conservación do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre a A-52, que farán necesarios cortes de calzada

As intervencións consistirán no levantamento do taboleiro do viaduto para a reposición e recolocación de varios apoios sobre os seus estribos e pilas

Os traballos terán un prazo de 11 días, pero os cortes, en sentido Ourense, serán só necesarios o próximo xoves, o mércores 11 de setembro e o mércores 18, de 8 a 19 horas

Para facilitar a mobilidade dos condutores habilitarase un desvío alternativo pola AG-54 e a estrada N-541, que estará debidamente sinalizado con antelación

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024

A Xunta iniciará este luns traballos de conservación do viaduto da autovía Dozón- Ourense (AG-53) sobre a A-52, que farán necesarios cortes puntuais de calzada.

As intervencións consistirán no levantamento do taboleiro do viaduto para a reposición e recolocación de varios apoios sobre os seus estribos e pilas.

Para levar a cabo estas actuacións será preciso cortar o tráfico, en sentido Ourense, o próximo xoves, o mércores 11 de setembro e o mércores 18 de setembro, en horario de 8 a 19 horas.

Os traballos terán un prazo de execución de 11 días aproximadamente, pero os cortes están programados soamente para as xornadas anteriormente citadas.

Para facilitar a mobilidade dos condutores habilitarase un desvío alternativo pola AG-54 e a estrada N-541.

O desvío afectará tanto ao tráfico que circule pola AG-53 en sentido Ourense como ao que circule pola AG-54 en sentido AG-53, en dirección á A-52. No primeiro caso, o corte da calzada será completo no punto quilométrico 79 da AG-53, desviando o tránsito cara á  N-541 a través da AG-54. No segundo caso, o desvío será mediante o Enlace de Maside, manténdose aberta a calzada esquerda da AG-54 para os coches que se despracen en dirección Santiago.

Data de actualización: 31/08/2024