Máis de 2.600 persoas participaron no que vai de ano nas visitas guiadas longas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Estas accións gratuítas, de entre catro e seis horas de duración cada unha, chegaron o ano pasado a preto de 5.000 visitantes dos catro arquipélagos dando a coñecer a súa riqueza natural, arqueolóxica e patrimonial

Nestas actividades pode participarse apuntándose o mesmo día nas casetas de información para os casos de Cíes e Ons ou na páxina web do parque tanto para Sálvora como para Cortegada

O parque ofrece tamén rutas guiadas de menor duración, nas que participaron desde xaneiro de máis de 5.000 persoas, e xornadas de divulgación como as do programa Starlight de observación astronómica, que chegaron a máis de 2.500 visitantes

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024

Máis de 2.600 persoas participaron no que vai de ano nas visitas guiadas longas -de entre catro e seis horas de duración- organizadas polo Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para dar a coñecer os valores naturais, arqueolóxicos e patrimoniais deste espazo protexido. Estas cifras atópanse na liña das rexistradas en 2023, cando se contabilizaron en todo o exercicio preto de 5.000 visitantes que recorreron a este servizo gratuíto.

Estas visitas guiadas aos catro arquipélagos que compoñen o parque -Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada- prográmanse tendo en conta tanto a época do ano como o público destinatario. De feito, durante o outono e o inverno o traballo céntrase maioritariamente no público escolar pero chegando tamén ao resto de interesados. Mentres, en Semana Santa e entre o 15 de maio e o 15 de setembro -a temporada alta do parque- os esforzos están dirixidos ás persoas que visitan a diario as illas.

As accións divulgativas realizadas a través destas rutas guiadas buscan difundir entre os visitantes a riqueza natural, patrimonial e cultural do parque permitindo coñecer espazos e cuestións como o bosque da illa de Cortegada, as lendas e historias que agochan as pedras de Sálvora, distintas pezas da paisaxe que forman as Cíes ou Ons, descubrir o modo de vida que tiñan no pasado os habitantes da illa de Ons ou por que a praia de Rodas é tan branca.

A maiores, tamén hai actividades dirixidas ao público infantil que lle permiten achegarse á flora, á fauna e ao mar das illas de xeito ameno a través de xogos, rastros naturais, contos ou adiviñanzas.

Nestas visitas, totalmente gratuítas, pode participarse inscribíndose o mesmo día nas casetas de información do parque nos casos das illas Cíes e Ons ou na páxina web se se quere anotar nas de Cortegada e Sálvora.

De feito, o perfil das persoas que se apuntan a estas rutas guiadas durante a tempada alta adoita ser maioritariamente de España ou Portugal e en menor medida doutros países. Mentres, durante o outono e o inverno é fundamentalmente público galego. Na maioría dos casos, de acordo coas enquisas que realiza o parque entre os participantes, os visitantes ven satisfeitas e mesmo superadas as súas expectativas, o que anima a continuar con esta oferta de actividades guiadas dada a súa boa acollida.

Rutas máis curtas

Á marxe destas rutas guiadas de longa duración, os guías do parque dependentes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático realizan outras que duran entre 45 minutos e dúas horas nas que lle explican de xeito máis xenérico a visitantes de distintas idades o valor natural, paisaxístico e patrimonial dos catro arquipélagos. Estas accións, que se intensifican especialmente nos meses do verán, chegaron xa a máis de 5.000 persoas que visitaron as illas no que vai de ano.

Outra acción divulgativa que tamén está chegando a un importante público son as xornadas nocturnas e diúrnas ao abeiro do programa Starlight, nas que se ofrece aos visitantes información astronómica mediante a observación do ceo, unhas actividades que xa chegaron este ano a máis de 2.500 visitantes do parque.

Outras accións

A maiores destas rutas e sesións formativas, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desenvolve outras moitas accións divulgativas. É o caso do programa didáctico O parque na escola, que contou coa participación de case 2.500 alumnas e alumnos e 190 docentes dos concellos da contorna deste espazo protexido entre outubro do ano pasado a abril deste ano. Esta iniciativa inclúe unha presentación do parque mediante dinámicas lúdicas que realizan os seus guías ben no Centro de visitantes do Cambón, en Vigo, ben no correspondente centro educativo.

Unha vez completada a visita invítase aos centros educativos a mergullarse nas riquezas culturais e naturais do parque participando nun concurso para o que deben realizar un traballo manual ou un xogo didáctico inspirado nas illas que despois se expón no centro de visitantes. De feito, os mellores traballos optan a gañar unha visita guiada a algunha das illas, unha posibilidade que permitiu na última edición que preto de 100 alumnos de cinco centros educativos de Galicia visitasen o parque da man do seu equipo de guías e que realizasen distintas rutas por Cíes e Ons.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2024