A Xunta leva concedido este ano preto de 6 M€ a máis de 2.100 persoas traballadoras autónomas para que incrementen a competitividade dos seus negocios

O Bono Autónomo, dotado con 8 M€ en 2024 e con prazo de solicitude aínda aberto ata o 30 de setembro, está dirixido a profesionais con -polo menos- 42 meses de actividade que poden optar a axudas de ata 7.000 euros para realizar investimentos

Trátase dunha medida pioneira posta en marcha en Galicia en 2017 da que se beneficiaron ata o de agora case 17.500 persoas traballadoras deste colectivo, cun orzamento en oito anos próximo aos 39 millóns de euros

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024

A Xunta leva concedido este ano preto de 6 millóns de euros a máis de 2.100 persoas traballadoras autónomas de Galicia para apoiar a súa consolidación e mellora da competitividade. En concreto, o Bono Autónomo -con prazo de solicitude aínda aberto ata o 30 de setembro e cun orzamento global dispoñible de 8 millóns- contempla axudas de ata 7.000 euros para os autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses co gallo de que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva.   

En concreto, este bono cofinancia o 60% do custo dos servizos de apoio e os investimentos cun límite de 7.000 euros. Trátase dunha axuda que se realiza a través dun pagamento único no momento da presentación das facturas.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración estima poder beneficiar uns 3.200 traballadores por conta propia este ano grazas a esta iniciativa. Entre outros, finánciase a compra de maquinaria, utillaxe e ferramentas, reformas do local, adquisición de equipos informáticos, rótulos ou deseño de marca. Poderán subvencionarse os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 30 de setembro, cando remata o prazo de presentación de solicitudes.

Cómpre engadir que o Bono Autónomo é unha medida pioneira posta en marcha en Galicia no ano 2017 da que se beneficiaron ata o de agora case 17.500 persoas traballadoras deste colectivo, cun orzamento en oito anos próximo aos 39 millóns de euros. 

Compromiso cos autónomos

O emprego autónomo é unha prioridade para a Xunta, tendo en conta que Galicia é a segunda comunidade autónoma co maior peso de persoas traballadoras autónomas con respecto ao total das afiliacións (20,65%).

Como novidade, e no marco da Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, este ano implantouse a cota cero para novas altas de autónomos, que subvenciona a cota reducida dos primeiros doce meses no marco do programa de axudas á promoción do emprego autónomo, dotado con 28,9 millóns. A maiores da partida para a cota cero de 9,6 millóns, 19,3 M€ van dirixidos a fomentar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos.

Cabe mencionar tamén como iniciativa novidosa o Bono Remuda por 1,5 millóns para apoiar a remuda xeracional de negocios rexentados por persoas autónomas que se xubilan ou que están próximas á xubilación.

Así mesmo, consolidáronse outras convocatorias este ano, como os 6,5 millóns de euros para impulsar o emprendemento, os 1,5 millóns para o Bono Nova Oportunidade que busca axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade, os 1,3 millóns para incentivar a contratación por parte dos autónomos do primeiro, segundo e terceiro traballador ou 1 millón para que os autónomos que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten cos apoios necesarios para contratar a quen os substitúa no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2024