A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático presidiu esta mañá o acto de adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

A Alianza Galega polo Clima inicia unha nova etapa co reto de situar á comunidade e ao seu tecido produtivo como referentes en resiliencia e neutralidade climática

Paula Uría avanza a posta en marcha dunha oficina técnica de apoio ás empresas e entidades galegas nas súas accións fronte ao cambio climático, así como a previsión de varios workshops, encontros, foros e eventos formativos en temas de interese

Destaca o papel clave que pode xogar o Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia nesta materia e pon en valor o seu apoio á iniciativa, que suma 154 membros

O obxectivo desta acción pioneira é conectar ás empresas, organismos e entidades sociais da comunidade para traballar ante o cambio climático, facela máis resiliente e establecer pautas de actuación a futuro para alcanzar a neutralidade climática

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024

A Alianza galega polo clima, promovida pola Xunta, comezará unha nova etapa coa posta en marcha dunha oficina de apoio para empresas e entidades galegas (que ofrecerá os seus servizos a través da páxina web da iniciativa), así como a programación, a partir de setembro, dunha serie de workshops, encontros, foros e eventos formativos para establecer espazos de intercambio de experiencias e boas prácticas, impulsar novas canles de comunicación e networking, e formar ao tecido produtivo en temas medioambientais do seu interese.

Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante o acto de sinatura da adhesión do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) á Alianza.

Segundo explicou, o primeiro dos eventos previstos terá lugar o vindeiro 18 de setembro no Palacio de Exposicións e Congresos da cidade da Coruña, onde se desenvolverá un workshop con catro mesas redondas nas que diferentes empresas amosarán a súa experiencia en cuestións como a economía baixa en carbono, o capital natural, o marketing verde ou as iniciativas empresariais de economía circular.

Nesa liña, Paula Uría salientou que Galicia leva anos traballando para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. De feito, desde a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050) no ano 2019, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron na Comunidade un 19,5%, é dicir, a un ritmo tres veces superior que a media española (6%) e que a europea (6,1%).

Así, logo do desenvolvemento de 139 das medidas previstas e do investimento de 1.140 millóns de euros, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de xuño a elaboración do novo plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 para continuar coa aplicación da EGCCE e consolidar a posición da Comunidade como referente na loita contra o quecemento global. A día de hoxe estase traballando nesta segunda planificación, coa previsión de poder aprobala no último trimestre do ano.

Fitos acadados

Precisamente no marco das súas políticas fronte ao cambio climático, o Executivo galego promoveu no ano 2022 a Alianza galega polo clima, unha acción pioneira co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

A iniciativa conta xa con 154 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ás que se suma hoxe o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, unha corporación de dereito público para defender os lexítimos intereses dos seus colexiados, ordenar e valorar a súa actividade na sociedade e que, ademais, ofrece servizos de alto valor engadido e ten entre os seus intereses fundacionais promover o desenvolvemento industrial sostible e a compatibilidade das industrias coa conservación do medio.

Logo de asinar o memorando de adhesión, Paula Uría puxo en valor o compromiso ambiental desta entidade e a súa disposición a formar parte dunha iniciativa que pretende impulsar entre os seus socios o establecemento de accións de adaptación ou mitigación do cambio climático, o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, a promoción da investigación ligada ao clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2024