A Xunta lembra que está aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude das axudas para o autoemprego e a actividade emprendedora dos emigrantes retornados

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe na Coruña un centro de fisioterapia xestionado por dous irmáns galegos retornados de París e beneficiarios destes apoios

A provincia da Coruña sumou un terzo destas achegas no 2023 sendo 39 persoas as que obtiveron axuda das 120 do conxunto de Galicia

Rodríguez Miranda destacou que esta iniciativa contribúe ao emprendemento entre os galegos retornados, ao desenvolvemento económico local e a incorporar ao mercado laboral galego persoas con alta cualificación profesional

Os propietarios do centro visitado hoxe xa contaban cunha ampla experiencia adquirida na capital francesa e agora incorpórana a Galicia

A Coruña, 29 de agosto de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe na Coruña un centro de fisioterapia liderado polos irmáns Ibán e Pablo Fernández Pérez, galegos retornados de París (Francia) en 2021 e que foron beneficiarios destes apoios da Xunta para o fomento do autoemprego e a actividade emprendedora dos emigrantes retornados, que lle permitiu establecer o seu negocio na Coruña.

Alí lembrou que a convocatoria de 2024 destas achegas está aberta ata o 30 de setembro e que na do ano pasado se beneficiaron delas un total de 39 persoas da provincia da Coruña das 120 que obtiveron no conxunto de Galicia.

Ademais, o secretario xeral da Emigración subliñou que estes apoios son fundamentais para  fomentar o emprendemento entre os galegos retornados, para contribuír ao desenvolvemento económico local e incorporar ao mercado laboral galego persoas con alta cualificación profesional desde o resto do mundo. O obxectivo, incidiu, é crear oportunidades reais para aquelas persoas que deciden regresar á súa terra.

No caso de Ibán e Pablo, eles xa contaban cunha ampla experiencia adquirida en París e agora incorpórana a Galicia. Comezaron a planificar o seu retorno en 2019 e o apoio recibido foi clave para a posta en marcha do seu centro de fisioterapia co que contribúen ao benestar da comunidade local e exemplifican o impacto positivo das políticas de retorno da Xunta.

As axudas son de 6.000 euros, aumentables en 1.000 se a persoa beneficiaria é muller, e noutros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode obter ata 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente realizando as súas actividades empresariais e profesionais e favorecendo ademais o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Estes apoios permitiron que nos últimos anos se destinasen desde o Goberno autonómico máis de 4 millóns de euros para a posta en marcha de preto de 800 proxectos empresariais en Galicia.

Estratexia Galicia Retorna

Iniciativas coma esta facilitan o acollemento aos emigrantes retornados que desexen iniciar unha nova vida en Galicia e entre elas tamén están as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno con sede nas principais cidades galegas e nas que as persoas interesadas se poden informar de todo tipo de axudas ao retorno.

A Xunta de Galicia, a través da Estratexia Galicia Retorna, continúa a traballar para ofrecer oportunidades reais de retorno aos galegos do exterior, con especial atención ao fomento do autoemprego e á creación de novos proxectos empresariais que fortalezan o tecido económico da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2024