A Xunta consulta o comercio de Valdeorras para avanzar no plan estratéxico do sector

No marco do proceso participativo aberto para ter lista a estratexia a nivel galego a comezos de 2025, o director xeral de Comercio e Consumo reuniuse hoxe co presidente da asociación Centro Comercial Aberto O Barco

Gabriel Alén tamén visitou varios establecementos retallistas neste concello ourensán para coñecer as súas necesidades e impresións ao respecto do documento que se está a elaborar

O Barco de Valdeorras (Ourense), 28 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia segue avanzando con novos encontros no proceso participativo aberto para elaborar o Plan estratéxico do comercio e telo listo a comezos do próximo ano 2025. Así, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse hoxe co presidente da asociación Centro Comercial Aberto O Barco, Jacobo Arias, ademais de visitar varios establecementos no Barco de Valdeorras.  

Os comerciantes barquenses convertéronse así nos consultados no día de hoxe co gallo de seguir dando forma ao Plan estratéxico do sector, unha folla de ruta para a que é imprescindible -segundo o director xeral- ir da man de todos os implicados. O obxectivo é acadar unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Isto é, un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.

Alén fixo alusión tamén ao Plan de remuda xeracional no comercio que se está a perfilar, con proxectos piloto nas cabeceiras de comarca que atendan ás necesidades de cada contorna e á análise de sincronización da oferta e da demanda. Un Plan de remuda especialmente necesario, puntualizou, en contornas da Galicia non urbana.

O director xeral de Comercio e Consumo engadiu que o Goberno galego seguirá apostando no novo documento pola revitalización dos mercados, prazas de abastos, recintos destinados a feiras e centros comerciais abertos, apostando por consolidar un sector que serve de vertebrador do territorio e xerador de riqueza e emprego.

Nesa liña, Gabriel Alén puxo en valor a campaña Máis Rebaixas que está a desenvolver o CCA O Barco estes días, con produtos á disposición da clientela tanto dentro como fóra dos establecementos comerciais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2024