A Xunta ten aberto ata o próximo 13 de setembro o prazo para solicitar as axudas para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou da convocatoria durante unha visita a un inmoble situado na estrada de Catabois e beneficiario dunha achega desta liña de subvencións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas dotada este ano cun orzamento de 3,5 millóns de euros

Lembrou que tamén está aberta a convocatoria para a elaboración do libro do edificio existente e para a redacción de proxectos de rehabilitación integral de edificios

Ferrol, 28 de agosto de 2024

A Xunta ten aberto ata o próximo 13 de setembro o prazo para solicitar as axudas para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá desta convocatoria da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas durante a visita a unha vivenda unifamiliar na estrada de Catabois beneficiaria dunha convocatoria anterior grazas á que acometeu a substitución das ventás.

Tal e como lembrou Aneiros, esta liña de axudas está destinada á mellora enerxética de vivendas de forma individual, tanto se son unifamiliares como se forman parte de inmobles residenciais colectivos. “Trátase de axudas apropiadas para a realización de obras de menor entidade como o cambio da carpintería exterior ou de ventás e para as que se estable como único requisito obter unha redución da demanda enerxética de polo menos un 7%”, explicou.

Estas subvencións, que contan cun orzamento de 3.500.617 euros, están dirixidas a persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas e o importe a percibir será do 40% do custo subvencionable, a partir dun investimento de 1.000 euros e cun límite máximo de 3.000 euros por axuda.

Libro do edificio e redacción de proxectos

Durante a visita Aneiros lembrou que esta non é a única convocatoria de axudas autonómica aberta no ámbito da rehabilitación de vivenda. Así tamén están en prazo de solicitude as subvencións para a elaboración do libro do edificio existente e para a redacción de proxectos de rehabilitación integral de edificios, destinadas a propietarios e usufrutuarios dos inmobles, comunidades veciñais e cooperativas.

Neste caso a convocatoria conta cunha dotación orzamentaria de 2.071.770 euros para esta convocatoria de 2024 e os interesados poden presentar as súas solicitudes tamén ata o 13 de setembro.

En ambos casos, estas liñas de subvencións que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convoca por terceiro ano consecutivo, están financiadas con fondos europeos del programa Next Generation UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2024