O Servizo Galego de Saúde publica as listas provisionais de admitidos en 5 especialidades de facultativo especialista de área e de facultativo especialista de atención primaria do concurso de traslados aberto e permanente

Resultaron admitidos un total de 28 facultativos especialistas de atención primaria e catro facultativos especialistas de área

Tamén se aproba a oferta de destinos na categoría de facultativo especialista de atención primaria

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se dá publicidade a relación provisional de admitidos e excluídos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, e na categoría de facultativo especialista de atención primaria.

Tamén se aproba a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de facultativo especialista de atención primaria, correspondente ao ciclo de adxudicación 2024.

A categoría estatutaria de facultativo especialista de atención primaria do Servizo Galego de Saúde foi creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Unha vez transcorrido o período dun ano dende a primeira toma de posesión dos profesionais desta categoría que realiza funcións de medicina de familia no ámbito da atención primaria, convocouse o concurso de traslados aberto e permanente para facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria.

Neste primeiro ciclo do proceso do concurso de traslados aberto e permanente puideron participar os profesionais que se incorporaron como persoal fixo na categoría de facultativo especialista de atención primaria no primeiro proceso selectivo convocado no ano 2022.

Neste concurso de traslados aberto e permanente, correspondente ao ciclo de adxudicación 2024, participaron un total de 28 facultativos de atención primaria, un facultativo especialista de área na especialidade de cirurxía pediátrica, dous na especialidade de cirurxía plástica, estética e reparadora e un en oncoloxía radioterápica.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Concurso de traslados. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Así mesmo, a relación de prazas ofertadas na categoría de facultativo especialista de atención primaria e os centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde. O solicitante tamén poderá consultar esta relación de prazas no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Apertura de prazo

Coa publicación destas Resolucións ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte da publicación das resolucións  (do 29 de agosto ao 11 de setembro), para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tivesen dirixido a solicitude de participación no concurso.

Os facultativos especialistas de atención primaria que figuren na relación de participantes neste ciclo 2024 disporán dun prazo de 15 días naturais (entre o 29 de agosto e o 12 de setembro, ambos inclusive) para realizar as modificacións que estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...).

Na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, o prazo para solicitar os destinos ofertados e realizar as modificacións na orde de prelación rematou o 5 de xullo, data tamén na que finalizou o prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso de traslados aberto e permanente, correspondente ao ciclo 2024.

Para o resto de categorías que participan no concurso de traslados xa se publicou o pasado 17 de xuño a relación provisional de admitidos e excluídos e, tamén, a oferta de destinos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024. Coa publicación de hoxe neste ciclo 2024 participan un total de 4.656 profesionais de 92 categorías de persoal estatutario.

Sétimo ciclo

Este é o sétimo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que poidan xurdir neste procedemento, habilitouse o enderezo de correo electrónico concurso.traslados@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Data de actualización: 28/08/2024