A Xunta pon de exemplo a Foresa pola aplicación da biotecnoloxía no sector forestal para ofrecer un produto de alto valor engadido

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, reúnese coa empresa para coñecer os retos aos que se enfronta a industria química no eido da I+D+i aplicando a biotecnoloxía e a sustentabilidade nos produtos químicos

A empresa caldense está especializada na produción de químicos para distintas industrias, conta cunha división de I+D+i, Foresa Technologies, e con plantas en España, Portugal e Francia

Caldas de Reis (Pontevedra), 27 de agosto de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, visitou hoxe a sede da empresa Foresa en Caldas de Reis para coñecer de primeira man a aplicación da biotecnoloxía á transformación innovadora dun sector estratéxico para Galicia como é o forestal.

A empresa Foresa é especialista na produción de químicos (resinas, aditivos, etc.) para a súa aplicación en diversas industrias, entre elas o sector da madeira e a construción, e conta con plantas de produción en España, Portugal e Francia. Así mesmo, a compañía caldense e, en especial, o seu departamento de I+D+i, Foresa Technologies, ten unha ampla experiencia na participación en proxectos de I+D+i a nivel europeo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o potencial da biotecnoloxía para catalizar un sector estratéxico para Galicia como é o do aproveitamento forestal e puxo a Foresa como exemplo de transformación de alto valor engadido. Esta visita enmárcase na ronda de reunións da Xunta de Galicia con distintos axentes do ecosistema biotecnolóxico galego para coñecer os seus retos futuros no eido da I+D+i.

Por último, Cotelo salientou a participación de Foresa en múltiples proxectos de I+D+i a nivel europeo, así como grandes proxectos estratéxicos como FINVALIA. Entre os proxectos europeos destacan un que busca identificar novas rutas sintéticas para producir biorresinas derivadas da lignina para materiais de recubrimento; outro para a selección de liñas de produtos para explotar plenamente as funcionalidades químicas únicas dos residuos da biomasa e dos fluxos de residuos orgánicos e, finalmente, un terceiro que pretende revalorizar residuos agrícolas e forestais recuperando e procesando compoñentes primarios e secundarios para obter materiais innovadores, con especial atención á construción ecolóxica como posible liña de negocio.

Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía

FINVALIA, pola súa parte, está apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta e ten como obxectivo contribuír á transformación da cadea de valor da madeira.

Ademais, Foresa está inmersa en proxectos relacionados coa biotecnoloxía, a sustentabilidade e a ecoinnovación na súa futura planta industrial de produtos bio, así como en diversos proxectos de aforro enerxético.

Precisamente, un dos fitos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025 é a captación de fondos europeos. No período 2021-2023 esta captación foi de preto de 63M€, a meirande parte proveniente do programa Horizonte Europa, seguido dos programas Interreg.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2024