A conselleira do Medio Rural pronunciou este mediodía o pregón da XXXIII Festa da Vendima de Leiro, que se celebra esta fin de semana no municipio ourensán

María José Gómez destaca a tradición, a calidade e o apego á terra que caracterizan os viños do Ribeiro

Sinalou que, en Galicia, o viño é inseparable da celebración e especialmente nun momento tan sinalado para os viticultores e adegueiras como é o da colleita da uva

Reafirmou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola galego e ao fomento da súa calidade a través de liñas de axudas, da colaboración cos consellos reguladores e do desenvolvemento dunha estratexia sectorial específica, entre outras medidas

Salientou que os produtores, as adegas e o consello regulador do Ribeiro “sempre van ter na Xunta o seu aliado para defender os intereses dun produto que é calidade e idiosincrasia de Galicia”

Leiro (Ourense), 25 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a ampla tradición, a calidade e o apego á terra que caracterizan os viños do Ribeiro. Na súa intervención, como pregoeira, na XXXIII Festa da Vendima de Leiro (Ourense), a titular de Medio Rural sinalou que “o viño é inseparable da celebración” en Galicia e especialmente “nun momento tan sinalado para os viticultores e adegueiros como é o da colleita da uva”.

Nesta liña, Gómez puxo en valor que só na denominación de orixe Ribeiro (a máis antiga de Galicia) hai preto de 1.600 viticultores e máis de cen adegas. Ao tempo, animou a festexar “a moita riqueza que atesouran as súas vides”, grazas -dixo- “á combinación do saber facer dos agricultores cunha terra de extraordinaria calidade e cun clima particular”.

Todo isto, engadiu, confire ao Ribeiro unhas características únicas e permite que os seus viños respondan a “unha serie de combinacións de exquisitos aromas afroitados e florais que case sempre resultan sorprendentes, ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais”. Precisamente, a conselleira puxo de relevo o valor de castes como Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao ou Sousón, propias desta DO e que propician que estes viños teñan unha personalidade.

Aposta da Xunta polo sector

Ao mesmo tempo, Gómez reafirmou a aposta da Xunta polo sector vitivinícola galego e polo fomento da súa calidade. Neste sentido, lembrou as diferentes liñas de axudas para reestruturación e reconversión de viñedo, para promoción do produto ou para elaboración e comercialización de viño. Asemade, salientou que os produtores, as adegas e o consello regulador do Ribeiro “sempre van ter na Xunta o seu aliado para defender os intereses dun produto que é calidade e idiosincrasia de Galicia”.

En parecidos termos, a conselleira trasladou que o Goberno galego apoia os consellos reguladores e está desenvolvendo unha estratexia sectorial que potencia todas as facetas vinculadas co viño, desde a propiamente enolóxica ata a turística, pasando pola patrimonial ou paisaxística.

Data de actualización: 25/08/2024