A Xunta adxudica por 381.500 € as obras de conexión da ponte internacional coa estrada autonómica PO-510, en Salvaterra de Miño

A actuación céntrase no acondicionamento dun tramo de algo máis de 350 metros de lonxitude, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura

As obras teñen un prazo de execución aproximado de 6 meses e comezarán, previsiblemente, a finais de setembro

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2024

A Xunta vén de adxudicar por máis de 381.500 euros as obras de conexión da ponte internacional coa PO-510, en Salvaterra de Miño.

A intervención, adxudicada á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), permitirá acondicionar un tramo de algo máis de 350 metros de lonxitude, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura.

Esta actuación permitirá levar a cabo unha mellora das beirarrúas, a rede de saneamento e o alumeado público.

A previsión da Xunta é comezar as obras a finais do mes de setembro, co obxectivo de non entorpecer o tráfico nos accesos de ida e volta na ponte, e terán un prazo de execución aproximado de seis meses.

No detalle, a actuación leva aparellada a pavimentación dos viarios, cunha mellora do firme que inclúe unha capa de regularización; e a construción das beirarrúas, unificando os seus anchos e mellorando e unificando o deseño dos accesos aos garaxes.

Tamén se levará a cabo a construción de sumidoiros e rede de alumeado, así como a sinalización horizontal da estrada.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa traballando para dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e así avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal.

Data de actualización: 25/08/2024