A Xunta notifica ao Concello de Lugo a autorización para o traslado das náiades presentes na zona na que se prevé instalar unha rampla de acceso ao Miño

Lugo, 23 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia notificou esta mañá á empresa Biosfera Consultoría Medioambiental, como representante do Concello de Lugo, a autorización para a translocación dos exemplares das especies protexidas de náiades que se atopan no lugar onde o Goberno local pretende instalar unha rampla de acceso ao río Miño.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou coa máxima dilixencia a documentación que onte xoves lle foi aportada polos representantes do Concello de Lugo e procedeu a autorizar esta mesma mañá o traslado dos exemplares de náiades Potomida littoralis e Unio delphinus a outra zona do río non afectada polas obras.

A autorización establece que os traballos de translocación serán levados a cabo por persoal da empresa Biosfera e quedan condicionados á supervisión por parte do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A Consellería actuou unha vez máis de xeito áxil para non perder o tempo innecesariamente, malia as sucesivas modificacións que o Concello de Lugo veu realizando no proxecto ao longo de todo o verán (a última modificación aínda foi comunicada polo Concello á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o pasado luns, 19 de agosto). Ademais, é importante salientar que autorización do organismo de conca para a instalación da rampla é unicamente ata o 15 de setembro do presente ano, o que na práctica fará que a plataforma estea en servizo e operativa para os posibles usuarios apenas uns días.

Data de actualización: 23/08/2024