A Xunta reivindica en Sober o labor fundamental de Artesanía de Galicia a prol dos oficios tradicionais e da vertebración do territorio

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na apertura do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

Destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos para impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios tradicionais e consolidar a marca Artesanía de Galicia

O evento celébrase ao longo de toda a xornada no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober) en horario de 11,00 a 21,00 h

Sober (Lugo), 24 de agosto de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na apertura do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, unha cita que se celebra por cuarto ano consecutivo no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober), en horario de 11,00 a 21,00 h.

Alí, Gabriel Alén destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios tradicionais e consolidar a marca Artesanía de Galicia. Ademais sinalou que feiras como esta demostran que o sector ten futuro e está en auxe, con máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, o que contribúe á creación de emprego e á dinamización do rural galego.

O director xeral tamén puxo en valor as achegas para impulsar o sector, como as axudas abertas actualmente por valor de 1,2 millóns de euros para potenciar a transformación sustentable e a economía circular dos sectores comercial e artesán.

Programación da xornada

Na edición deste ano participan 18 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a marroquinería, a madeira, a olería tradicional, a calceta e o gancho, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, a elaboración de redes, o manipulado de papel e os complementos de moda.

Os talleres que participan como expositores –moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra– son os obradoiros de olería de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus; os da Coruña Arobe Cerámica e Mioco Diseños; os de Quiroga, Armaior e Enxógate; os obradoiros de Ourense, María Aba e Logaro; Artesanía en Coiro Tres Pés (Pontevedra), María Monsalve (Monterroso), Mimacuir (Taboada), Tres Caracoles (Lugo), Péndulo (Burela), Soledad Mato (Oroso), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Riomao Estudio (A Teixeira), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Redeiras Artesás (Ponteceso).

Ao longo da xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata os pendellos de Cadeiras, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 h. A Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) encargarase de dirixir un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que as persoas participantes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. A actividade completarase coa divulgación das principais características das pezas máis representativas da nosa olería.

Guillermo Silvent, de Artesanía Silvent (Caldas de Reis) impartirá un obradoiro de remate de xoguetes de madeira; mentres que os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), se encargarán do obradoiro de cianotipias, un procedemento fotográfico que emprega papel de acuarela e produtos á luz para obter imaxes en azul prusiano.  A programación do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra complétase coa actuación da Banda de Música de Sober.

Data de actualización: 24/08/2024