A Xunta apoia a implantación de proxectos enerxéticos que xeren riqueza en Galicia e abaraten a factura eléctrica

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu á sinatura dun acordo de colaboración entre as empresas Solgaleo e Sertogal para desenvolver proxectos no ámbito das enerxías renovables

Avogou por avanzar na implantación de enerxías renovables e no fomento da eficiencia e o aforro enerxéticos

Ourense, 23 de agosto de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que a Xunta apoiará a implantación de proxectos enerxéticos que xeren riqueza en Galicia e contribúan a abaratar a factura eléctrica da cidadanía e das empresas. Todo isto co obxectivo de avanzar na implantación das enerxías renovables e no fomento da eficiencia e o aforro enerxéticos.

Fernández Vila asistiu á sinatura do acordo de colaboración entre a empresa enerxética Solgaleo e a de enxeñería Sertogal para desenvolver proxectos enerxéticos que ofrezan vantaxes no ámbito das enerxías renovables, como unha maior independencia enerxética ou a fixación de poboación e o fomento de actividade económica nas zonas rurais.

Durante a presentación o director xeral, puxo en valor a importancia da colaboración entre as empresas galegas do mesmo sector e a súa aposta por aqueles proxectos que xeren riqueza no territorio onde se implanten. Así mesmo, sinalou que a transición enerxética cara a un modelo descarbonizado e dixitalizado precisa dunha maior presenza de renovables no mix enerxético, así como un maior fomento da autosuficiencia e o aforro enerxético.

Por outra banda, Pablo Fernández Vila subliñou que todo isto está aliñado coa Lei Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que nace coa finalidade de converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social. E neste sentido avogou pola colaboración público-privada e destacou que “a Administración autonómica está inmersa en diferentes iniciativas que sirvan de punta de lanza desta lei e que ademais estean aliñadas con outras iniciativas empresariais”.

Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas subliñou o apoio do Goberno galego aos novos proxectos industriais máis verdes, eficientes e sustentables, nunha aposta clara por converter a Galicia nun territorio favorable ás enerxías renovables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2024