A Xunta activa o convenio con Farmamundi para atender as necesidades básicas da poboación desprazada en Ucraína

Contribúese ao funcionamento de aloxamento temporal co aprovisionamento de alimentos, artigos de hixiene e outros materiais básicos

O Goberno galego achega 6.000 euros coa previsión de cubrir durante nove meses as necesidades de 120 persoas

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2024

A Xunta activou o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a provisión de aloxamento seguro e satisfacer as necesidades básicas da poboación desprazada internamente en Ucraína pola ofensiva rusa na rexión de Poltava. Destínanse 6.000 euros co obxectivo de chegar durante nove meses a 120 persoas, 70 mulleres e 50 menores.

Farmamundi pon en marcha a intervención en colaboración co seu socio local Gender Bureau, que xestiona un aloxamento temporal na zona. A través do aprovisionamento de alimentos, de artigos de hixiene e doutros materiais básicos contribúese ao mantemento deste espazo, satisfacendo as necesidades básicas das persoas alí desprazadas.

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1 millón de euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarca esta actuación en Ucraína.

O obxectivo desta colaboración constante é realizar as actuacións que ambas as partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2024