A Escola Galega de Saúde Pública forma aos profesionais das agrupacións de voluntariado de Protección Civil na prevención e control do mosquito tigre

O departamento sanitario galego vén de organizar unha xornada na que se abordaron diferentes aspectos relativos ao mosquito tigre así como información da vixilancia ambiental e entomolóxica que leva a cabo a Consellería de Sanidade

A formación estivo impartida por profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e da Universidade de Vigo

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2024

As agrupacións de voluntariado de Protección Civil de Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Oitavén-Tea, Redondela, Mos e Vigo participaron onte nunha webinar sobre o mosquito tigre, no marco das actividades que organiza a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC), co obxectivo de capacitar ao dito persoal das agrupacións da contorna da ría de Vigo, zona onde se atopou o ano pasado o mosquito tigre, na prevención e control deste vector en Galicia.

A xornada, que contou coa participación da subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade, Inés Mato, foi impartida por profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Universidade de Vigo, e todos eles membros da Rede Galega de Vixilancia de Vectores.

Neste encontro abordáronse diferentes temas referentes á vixilancia realizada a través da propia rede galega ou a través de Mosquito Alerta, e sobre aspectos específicos relativos ao mosquito tigre, o seu o ciclo biolóxico, como son as súas picadas, as medidas preventivas en espazos abertos e como poden colaborar coa rede colocando unha trampa.

Sinalar que a REGAVIVEC está coordinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Medio Rural e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, e o seu principal obxectivo é coñecer a distribución en Galicia dos vectores con interese en saúde pública como é o caso do mosquito tigre.

Para máis información sobre a xornada:

https://escolasaudepublica.sergas.gal/gl/escola/formacion-marco-estratexico/actividades-da-escola-aberta

 

Máis información sobre a REGAVIVEC e o mosquito tigre:

https://www.sergas.es/Saude-publica/Enfermidades-transmitidas-por-vectores?idioma=es

Data de actualización: 22/08/2024