A Xunta inviste máis de 7,1 millóns de euros en 17 novos obradoiros de emprego duais en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, sinalou que as accións aprobadas implican a 46 concellos e beneficiarán a 340 persoas sen traballo

Entre os sectores aos que fan referencia as accións aprobadas, rexístranse os relativos ao sector forestal, o turismo, a xestión de residuos ou a atención sociosanitaria

Os talleres duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes ao tempo que conlevan a mellora das dotacións públicas e a prestación de servizos de interese xeral no ámbito local

Lugo, 22 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia vén de notificar a aprobación de 17 obradoiros de emprego duais en Lugo, aos que destina un investimento de máis de 7,1 millóns de euros. Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.

Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.

Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.

OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO

PROMOTOR

CONCELLOS ASOCIADOS

DENOMINACIÓN

Cervo

Burela, Xove

Sendas de Burela, Cervo, Xove XI

Ribadeo

Barreiros

Constrúe en verde

Ribas de Sil

Quiroga, Folgoso do Courel

Sillor XI

Chantada

Carballedo, Taboada

Serra do Faro IX

Monforte de Lemos

....

A Pinguela II

Pantón

Sober, O Saviñao

Ricra VIII

Bóveda

O Incio, Pobra do Brollón

Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón

Castro de Rei

Cospeito, Outeiro de Rei

Camiño da Chaira VIII

Ribeira de Piquín

Castroverde, Pol, A Pastoriza, Riotorto

O Castro X

Vilalba

Abadín

Terra Chá no Camiño V

Begonte

Friol, Rábade

Cumes da Terra Chá VIII

Sarria

....

Sarria, Camiño de Santiago V

Láncara

Samos, Paradela

Os Soutos

Lugo

....

Salus Lugo

Portomarín

Monterroso, Palas de Rei

Terras do Miño-Ulla I

Pedrafita do Cebreiro

Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela

Comarca de Ancares VII

Becerreá

Baralla, As Nogais

Vía Künig VI

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2024