A Xunta reafirma o seu compromiso coa recuperación e a posta en valor do patrimonio mineiro galego

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe o histórico túnel de Confurco en Ponteareas que pretendía conectar Vigo e Mondariz

Xunta, Concello, Asociación veciñal e Cámara Oficial Mineira de Galicia avalían a posibilidade de incluír o túnel dentro dos roteiros que poñen en valor os traballos mineiros na comunidade

Ponteareas (Pontevedra), 20 de agosto de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe o histórico túnel de Confurco no Concello de Ponteareas que pretendía conectar Vigo e Mondariz mediante unha liña de tranvía. Na visita, Fernández Vila, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa recuperación e a posta en valor do patrimonio histórico mineiro da comunidade.

O director xeral apuntou que Xunta, Concello de Ponteareas, a entidade veciñal Unidade Parroquial de Xinzo e a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) están a avaliar a posibilidade de incluír o túnel de Confurco dentro dos vieiros que poñen en valor os traballos mineiros na nosa comunidade. Deste xeito, o tramo de tranvía proxectado polo médico e empresario Enrique Peinador a inicios do século XX para unir Vigo, Porriño, Ponteareas e Mondariz, podería incluírse nos roteiros de 2025.

Na actualidade, existen tres rutas que poñen en valor o patrimonio mineiro galego: a das Minas da Silvarosa, as Médulas das Borreas e o recente percorrido en barco ata os Cargadoiros de mineral de Rande. A elas engadirase este mes de setembro un novo itinerario sobre a orixe e a minería do filón de cuarzo do Pico Sacro, Vedra e Boqueixón (A Coruña). O percorrido consistirá nunha visita guiada dunha lonxitude de 7 quilómetros e medio con final no Miradoiro de Gundián, á beira de Ponte Ulla, que permitirá poñer en valor puntos de interese da minería galega coma o Pico Sacro e o seu filón de cuarzo, que supoñen un elemento único da xeoloxía e minería de Galicia, así como a canteira de áridos ou o cuarzo metalúrxico de minería industrial.

Estes itinerarios encádranse dentro do convenio que a Consellería de Economía e Industria asinou coa COMG para afrontar diferentes obxectivos estratéxicos da Axenda de Impulso de Minaría Sostible de Galicia 2030, que pretende alcanzar a integración ambiental, impulsar a economía circular e poñer en valor o patrimonio mineiro galego. Nesta liña de revalorización, o convenio tamén inclúe outras accións como a actualización de plataformas mineiras ou a creación de tótems en puntos de interese mineiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2024